A antiga prisión de Sarria amosa ata o día 30 réplicas de instrumentos medievais

A exposición, organizada polo Centro de Artesanía e Deseño, chega tras recibir máis de 55.000 visitas en Compostela. Inclúe propostas interactivas e materiais lúdicos e didácticos
photo_camera Efrén Castro, Claudio Garrido e Luciano Pérez inauguraron a mostra xunto a varios concelleiros. EP

Zanfona, viola de brazo, organistro, viola de perna, cítola, rota e xiga. Son as sete réplicas de instrumentos medievais que se poden ver ata o vindeiro día 30 na antiga prisión comarcal de Sarria dentro da exposición A memoria do son, organizada polo Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) da Deputación Provincial.

Trátase de instrumentos dos séculos XII e XIII construídos a partir de representacións escultóricas en lugares como o Pórtico da Gloria ou o Pazo de Xelmírez e froito dos datos recollidos en documentos literarios e históricos.

A exposición chega a Sarria tras o seu paso polo Museo da Catedral de Compostela, onde recibiu máis de 55.000 visitas. No vello cárcere poderá visitarse de 9.30 a 14.30.

A súa presenza na vila non é casual. Segundo explicou onte durante a inauguración o deputado Efrén Castro, o labor do Centrad no que atinxe ao patrimonio musical ten a súa orixe no obradoiro de instrumentos promovido polo artesán Paulino Pérez, natural de Vilei, na parroquia de Barbadelo.

Ademais, «sendo Sarria un centro de referencia do Camiño é o lugar idóneo para acoller unha mostra que representa o legado cultural e patrimonial que se xerou ao redor desta ruta», dixo.

Efrén Castro -quen tivo un recordo durante a súa intervención para o director da EEI Xela Arias, Iván Tourón, finado a pasada fin de semana- destacou a oportunidade de achegarse a «xoias que merecen saír á luz» cunha exposición que pón en valor o patrimonio musical do Centrad, «un referente no estudo e reprodución de instrumentos medievais», afirmou.

O acto de inauguración contou tamén co alcalde de Sarria, Claudio Garrido, quen lembrou a tradición de luthiers no municipio, con artesáns como Xermán Arias, participante neste proxecto. O rexedor anunciou que o Concello contactará cos colexios e institutos para que se achegan a visitala.

A exposición ten como comisario a Luciano Pérez, director da colección de instrumentos do Centrad. Segundo apuntou durante a apertura, A memoria do son é resultado dos traballos de investigación desenvolvidos no obradoiro de instrumentos dende o ano 1993 e ten una clara vontade divulgadora. «É accesible a todo tipo de públicos: non especialista, universitario, músicos, artesáns e investigadores». Aos docentes permítelles traballar diferentes competencias e inclúe ferramentas para o público escolar, «espertando o pequeno investigador que todos levamos dentro», engadiu.

En concreto, ofrécense dous pasatempos (un crebacabezas e un encrucillado) para axudar a fixar os contidos dun xeito didáctico.

Outro dos grandes atractivos da mostra é a posibilidade de acceder a diferentes melodías a través de códigos QR, que permiten ao público escoitar o son de cada un dos instrumentos que a compoñen.

Tamén inclúe propostas interactivas como un salterio, no que os visitantes teñen a ocasión de interpretar cantigas de Alfonso X e Martín Códax.

Por último conta cun catálogo, en catro idiomas, editado en papel e que tamén están dispoñible para descargar, en formato PDF, na páxina web do Centro de Artesanía e Deseño.

No día da súa inauguración, A memoria do son xa recibiu visitas de peregrinos e turistas.

Comentarios