Antía Fernández: "É un oficio que necesita moito traballo, compromiso e reciclarse continuamente"

O Salón Internacional de Panadería, en Madrid, recoñeceu a Antía Fernández García, quinta xeración xa do establecemento Pallares de Sarria, un dos máis antigos do sector a nivel estatal. A sarriá recibe con "moitísima ilusión" o galardón a Panadeira Júnior, que é un recoñecemento a un negocio "de pobo".

Antía Fernández, na panadería. PORTO
photo_camera Antía Fernández, na panadería. PORTO

A sarriá Antía Fernández García, de Panadaría Pallares, foi recoñecida polo Salón Internacional de Panadería, Pastelería, Heladería y Café (Intersicop), celebrado en Madrid, como Panadeira Júnior. Este evento tamén entregou un galardón na categoría de sénior á catalá Anna Bellsolà, de Panadaría Baluard de Barcelona. 

Como recibe este recoñecemento de Intersicop? 
Fíxome moitísima ilusión o recoñecemento dos membros do sector. É o evento máximo da panadaría e nunca imaxinei que ía recibir o galardón dos mellores do sector. É un recoñecemento a unha panadaría de pobo, sempre se dan nas grandes cidades e os pobos quedamos de lado. É moi positivo para o sector da panadaría galega que haxa unha representante galega. Debo a miña aprendizaxe a meus pais e ao resto de compañeiros da profesión, que sempre estiveron dispostos a axudarme. E tamén temos un equipo moi bo na panadaría. Gustaríame que o recoñecemento sirva de estímulo para animar a continuar co oficio ás novas xeracións. 

Cando e como comezou a traballar na panadaría? 
Crieime nela, sempre axudaba. Levo traballando desde os 18 anos, parei cando estudiei na universidade, aínda que tamén botaba unha man, despois regresei. 

Fíxome moitísima ilusión o galardón dos membros do sector, é un recoñecemento a unha panadaría de pobo

Sempre quixera continuar co negocio familiar? 
Sempre me gustou. Agora a panadaría é un traballo máis recoñecido, xa é algo de admiración, antes non, hai un cambio de tendencia. No caso das mulleres, hai anos tiñan menos protagonismo, todo eran os homes, pero se existen as panadarías era porque as mulleres estaban ao fronte. 

No negocio dedícase máis á paxina web e a tenda online? 
Estou tamén moito no obrador, quero coñecer e traballar en todas as partes do negocio. A páxina web, a tenda online, preparando os escaparates... Gústame moito atender a xente, pero máis o obrador. Traballas todos os días, a todas horas. É un oficio moi bonito, necesitas moito traballo e compromiso, e tes que estar reciclándote. Todos os meses dedico unha parte do soldo a cursos, tutorías online con panadeiros, de pastelaría... Fago tamén cursos doutros países. 

Hai moitos cambios no sector? 
As tendencias cambian moito. Hai que estar reciclándose sempre, antes non. Necesitas ter formación de todo, de intolerancias alimentarias, novas fariñas, novos procesos de amasado, trazabilidade... Agora tes que estar moi preparado. 

Hai que estar sempre reciclándose, necesitas ter formación de intolerancias alimentarias, novas fariñas...

Vostedes teñen tenda online, este é tamén o futuro no sector? 
Si, nós xa vendemos online e moito. Onde máis nos piden é Madrid e Barcelona, saen os produtos pola tarde e o día seguinte o teñen antes das dúas da tarde. Véndense montón as empanadas e o pan de aquí. A venta online só a temos para fóra, e aquí o mandamos á casa cando nos fan pedidos por whatsapp ou por teléfono. 

Como está a situación do mundo da panadaría? 
Creo que o mellor momento do pan está por vir, a xente preocúpase por facer cousas, os profesionais que están agora puxeron a un bo nivel a panadaría. 

Viuse afectado polo covid-19? 
Non foi dos sectores que máis o notou. Si o notamos pola hostalaría, o Camiño de Santiago..., pero somos uns afortunados en comparación co resto.

Comentarios