Os xogos á hora do recreo no colexio público de Samos son máis variados dende que conta cun patio inclusivo, acondicionado pola Asociación de Nais e Pais (Anpa) deste centro cunha axuda da Consellería de Igualdade.
Cada vez son máis os colexios que fomentan no tempo de recreo outro tipo de actividades á marxe das maís habituais, como pode ser o fútbol, para favorecer unha maior interacción entre o alumnado e que ningún neno ou nena quede illado.
No caso de Samos, acondicionaron con pintura no patio ata sete xogos para poder adicar ese momento de ocio a practicar salto de lonxitude, a mariola ou o tres en raia. "O obxectivo é que os nenos e nenas teñan outras opcións nas que poidan participar todos xuntos", explica a Anpa, formada por Jesús Manuel Vila (presidente), Sonia Vázquez (vicepresidenta) e Aida Núñez (secretaria), na que colaboran todos os pais e nais.
O novo patio inclusivo, que tivo unha acollida "moi boa", foi inaugurado hai días aproveitando unha xornada de encontro co alumnado do colexio Eduardo Cela Vila de Triacastela.

A Anpa percibiu unha subvención de 3.000 euros da Consellería de Emprego e Igualdade, coa que tamén organizou obradoiros cos estudantes para erradicar os estereotipos e a violencia de xénero, así como unha charla para familias sobre educar en igualdade.
Coa axuda desta asociación e parte do orzamento do colexio acometeron tamén a reforma da aula de xogos, que beneficia aos 17 alumnos e alumnas deste centro rural que, para o vindeiro ano, conta aumentar a matrícula.
Dende a Anpa solicitarán unha nova subvención para poder implantar o servizo de madrugadores, en horario de mañá e de tarde. Ademais, continúan con actividades como a excursión que os levou a coñecer o Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla) en Láncara ou o percorrido que farán por Lugo cunha viaxe da Deputación. A maiores, promoven clases de inglés, natación na piscina climatizada de Sarria e outras prácticas deportivas para os menores.