Ángel Camino: "Desfruto ao pasar polo corredor e ver en marcha o desdobramento"

O exalcalde do Incio Ángel Camino, quen hai uns días foi nomeado como novo membro da xunta directiva do PPdeG, confesa que un dos seus obxectivos políticos era o desdobramento do corredor e considera un acerto comezar dende Sarria.
photo_camera Ángel Camino Copa, no paseo do Malecón de Sarria. VILA

Tras 28 anos no Concello do Incio (catro na oposición e 24 de alcalde), deputado provincial en dúas ocasións (1991-1995 e 2003-2007) e autonómico entre 2012 e 2016, Ángel Camino Copa (Laiosa, 1944) é un dos cinco afiliados lucenses que acaban de entrar na xunta directiva do PPdeG.

Que representa para vostede ser elixido na dirección do partido, na que xa estivera no ano 2009?

É unha satisfacción moi grande que, despois de tantos anos na batalla política, unha vez máis se acordase de min o presidente Feijóo. Seguirse sentindo útil para a sociedade galega é un motivo de moitísima satisfacción e de orgullo tamén. Farei o máximo esforzo para ser útil ao partido, porque así serei útil a Galicia, á provincia e á miña terra, que é o Incio.

Un dos seus cabalos de batalla foi a autovía entre Sarria e Lugo. Agora que está en marcha a primeira fase, ve cumprido o obxectivo ou aínda ve o que queda por facer?

Foi unha loita constante naquela etapa, un arduo traballo no que foi importante a axuda do grupo parlamentario e do compañeiro Jaime Íñiguez. O obxectivo estará cumprido cando o desdobramento estea ata Lugo. Unha das satisfaccións grandes que tiven foi cando o presidente o incluíu no programa electoral porque eu son dos que cre que non falla. Empezouse con algún retraso pero as obras van moi adiantadas, e eu desfruto cando paso por ese treito aínda que vaia en caravana porque me parece que se non foi ‘enxendro’ meu fixen o posible por que o fora.

Por que cre que era tan necesaria esta actuación?

En primeiro lugar polos accidentes que houbo. Creo que foron once ou doce, téñoos recompilados. Había persoas que me dicían: por que non se empeza de Nadela para abaixo? Eu crin que sería un erro. Unha vez convencida a consellería de que se empezara de Sarria a Lugo, agora o que falta ten que vir só porque se empezou xustamente polo medio. Para min era máis necesario e unha forma de forzar entre comiñas ao goberno a que non quedara coxa a autovía Nadela-Sarria. E seguiría soñando con que agora sexa Sarria-Monforte.

Tamén presentou iniciativas para que a igrexa da Cruz do Incio fose Ben de Interese Cultural (BIC). Contento con esa declaración?

Si, unha satisfacción enorme. Teño que dicir que dende que presentei a iniciativa contei co apoio do oberno por medio do conselleiro Román Rodríguez. Eu dalgún xeito quería que se fixese unha homenaxe a don Argimiro, o cura da parroquia cando se empezaron as obras de construción da igrexa. Por outro lado, tela como BIC era tamén provocar que haxa no seu momento un itinerario Hospital-A Cruz do Incio-San Eufrasio, sen descoidar o castro de Formigueiros ou continuar ata O Courel.

Cre que será realidade algún día ese itinerario cultural?

Confío en que si, daquela púxose a primeira pedra do xeodestino.

Como recorda a súa etapa no Parlamento de Galicia?

De bastante traballo pero de auténtica satisfacción, foron os catro anos da miña vida onde traballei, se non máis cómodo, si con tanta ilusión como noutros traballos porque comprobei que, coas miñas limitacións, as ideas que aportei sempre foron ben acollidas.

E os 24 anos como alcalde?

Se tivese que repetir hoxe pois non repetiría porque foi unha etapa de sacrificios para a familia. Recoñezo que a miña muller sufriu bastante, porque eu non tiña horario e cando o penso con frialdade non sei se era necesario ou non facer tanto esforzo, porque hai persoas que o agradecen indubidablemente, pero hai outras que non. Agora a historia xulgarao. Eu creo que o único xuíz infalible que hai é o tempo e satisfaime que dedique unha porcentaxe elevada da miña vida ao labor municipal.

A obra que máis satisfacción me deu foi a residencia de maiores e desexaría ver o balneario en funcionamento

Que lle gustaría ter feito no Incio?

Desexaría e quedoume sen conseguir o funcionamento do balneario. Unha das ilusións que tiña era a residencia de maiores, porque ía atender un cento de persoas e crear arredor de 60 postos de traballo. Despois soñaba con facer os apartamentos tutelados e fixéronse once. Sinceramente foi a obra que máis satisfacción me causou e menos dores de cabeza. Pero o balneario quedoume pendente e espero que quen me sucedeu ou me siga sucedendo o consigan.

Non está fácil?

Non, pero xa vin cousas máis imposibles. Ao ser dunha entidade bancaria confío en que non lle sirva para máis que para recuperar o diñeiro. Fácil non será, pero era máis difícil xa cando se lle sacou das mans, lexitimamente que foi cunha adquisición, á familia propietaria. Que despois os compradores non acertaron e non tiveron sorte coa explotación... pero o ben está aí, polo menos conservouse a estrutura e se sigo vivindo confío en asistir á súa inauguración no suposto de que me inviten.

Comentarios