Ana Miranda crea o cartel das festas de San Xoán, que honra a Abraham Cupeiro

O deseño da artista sarriá plasma o karnyx e recolle tamén a tradición das flores desa noite
photo_camera Claudio Garrido e Geni Valcárcel, co cartel das festas. VILA

A deseñadora gráfica e artista plástica sarriá Ana Miranda é a autora do cartel das festas de San Xoán deste ano, unha obra que honra ao músico Abraham Cupeiro, pregoeiro das patronais, ao recoller como elemento central o seu instrumento máis característico, a trompeta celta karnyx.

O Concello encargoulle a Ana Miranda a creación deste cartel, pensando en homenaxear dalgún xeito a un músico "que leva Sarria ata os lugares máis recónditos ao tempo que nos trae anos de historia para o noso desfrute", explicaron este sábado o alcalde en funcións, Claudio Garrido, e a concelleira de Festas, Geni Valcárcel, durante a presentación da obra.

Segundo dixeron, dende o goberno pedíronlle á deseñadora que fixera unha chiscadela ao pregoeiro, que querían ter presente "dunha maneira especial porque sempre está disposto a colaborar e é todo un luxo contar con el".

A proposta de Miranda pareceulles moi oportuna, polo que se amosaron encantados co resultado. "Con gran acerto, decidiu que saíran flores da boca do karnyx, porque a música de Abraham é cor, son, olor, recordos e impregna igual que a auga de San Xoán", sinalou Valcárcel, quen lembrou que a tradición de deixar flores ao recío desa noite segue moi presente en Sarria.

Generated by  IJG JPEG Library
A deseñadora gráfica e artista Ana Miranda. EP

Dende o primeiro momento, Ana Miranda tivo "clarísimo" que o karnyx tiña que ocupar un papel destacado no deseño. A partir de aí, afirma, intentou dotar ao cartel dun "ambiente máxico" creando "unha metáfora" coas flores que saen da boca do instrumento en lugar de notas musicais e cun fondo dunha noite estrelada e con lúa. "Tiña ganas de darlle tamén unha atmosfera nocturna" aludindo á Noite de San Xoán como a máis curta do ano e pensando nos sons de Cupeiro, que tamén "transportan a outros sitios".

A deseñadora e artista confesa sentir "admiración musical" polo pregoeiro deste ano, quen abrirá as festas o vindeiro día 23. Segundo comenta, ambos teñen un vínculo persoal e compartiron vecindade durante un tempo na Rúa Maior, polo que para ela este traballo supón "unha maneira de homenaxealo nunha obra".

A autora xa ten experiencia nestes cometidos, dado que tamén deseñou o cartel de San Xoán nos anos 2008 (en colaboración con Borja Doel), 2011 e 2016.

Dende o Concello agradeceron o seu labor e animaron a todos os veciños, tanto da vila como das parroquias, así como aos visitantes a gozar dunhas festas "que recuperan as tradicións" e que invitan a "compartir bos momentos".