lunes. 14.06.2021 |
El tiempo
lunes. 14.06.2021
El tiempo

Algo se coce en Ponte Ribeira

O belén sobre Ponte Ribeira pode verse no escaparate da panadería, na Rúa Matías López. VILA
O belén sobre Ponte Ribeira pode verse no escaparate da panadería, na Rúa Matías López. VILA

A panadería Pallares de Sarria bota man do humor unha vez máis e elabora un reivindicativo belén no que recrea con anacos de pan a situación do viaduto, pechado dende hai catro anos

A situación sen precedentes que sofre a Ponte Ribeira de Sarria, cuxo peche mantén a vila cortada en dúas partes dende hai máis de catro anos, serviu de inspiración para a panadería Pallares que, unha vez máis, bota man do humor e elabora un reivindicativo belén de Nadal no que recrea con anacos de pan tan insólito feito.

Javier Fernández, Pilar García e a filla de ambos, Antía -propietarios deste centenario negocio sarriao-, foron de novo os artífices dun escaparate que non deixa indiferente a ninguén. Cunha elaboración cen por cento artesanal, recrearon a Ponte Ribeira a base de pan, cos seus respectivos arcos e sen parte do taboleiro, tal e como se atopa dende o ano 2014, cando foi derrubada dentro das obras do plan de encanamento do río.

Os Reis Magos (tres barras de pan con diversas indumentarias) camiñan pola ponte -engalanada polo chegada do Nadal-, cara a Xesús, María e o Neno, mais a falta do taboleiro impídelles acadar o seu destino e iso malia que se atopan en pleno Camiño Francés.

"Poñendo uns paus ou unha pasarela igual dan pasado", comentan os creadores do belén, que tamén bromean coa colocación "dunha tirolina" para salvar o obstáculo do río. Porque, no fondo, a culpa de todo téñena as aguas do Sarria, ironizan. "Se non houbera río non habería ponte. A quen se lle ocorre ter un río polo medio do pobo!", afirman con retranca.

Os responsables da panadería Pallares ofrécense a recompoñer a ponte "en pan se é necesario". O seu belén conta xa cos respectivos carteis de obra -imitando os modelos oficiais-, nos que se pode ler "reconstrución da Ponte Ribeira", cun orzamento de "1.000.000.000 euros". A propia panadería figura como empresa construtora, co día 1 de decembro como data de inicio dos traballos. Do remate nada se sabe polo momento. Un cartel instalado no propio escapate xa lle advirte ao espectador de que "estamos en obras. Mañá seguimos", en lembranza daquilo de "estamos trabajando en ello" tan manido no ámbito da política.

O escenario complétase con diversas fotografías de Ponte Ribeira -do seu estado orixinal e do actual- e cunha recreación do paseo do Malecón, coas grandes papeleiras instaladas durante a remodelación e con pequenas árbores. Tampouco falta o río, polo que flúe auga, nin sequera os patos e os gansos. Do mesmo xeito, está representado un muíño -cuxa maquinaria se atopa en movemento- en alusión ao de Ponte Ribeira, así como unha zona verde na que un home -tamén en acción- se ocupa de segar a herba para mantela en bo estado.

O escaparate deste negocio, con 140 anos de historia e un museo nas súas instalacións, tivo "moi boa acollida" entre os veciños e mesmo houbo quen lles preguntou a estes creativos panadeiros se efectivamente tiñan pensado poñerse mans á obra coa ponte.

A imaxinación e a reflexión sobre temas de actualidade, sempre tratados con humor e sen ofender a ninguén, son sinais de identidade en Pallares. Na memoria de moitos aínda están outros escaparates sobre asuntos en auxe en distintos momentos como o estado da Fortaleza de Sarria, a situación de Cataluña, o prezo da luz ou os incendios forestais.

Algo se coce en Ponte Ribeira
Comentarios