A aldea modelo de Trascastro comeza a producir con vacas de raza cachena

As reses críanse nuns terreos de 14 hectáreas pertencentes a un cento de veciños do Incio. É a primeira iniciativa destas características na provincia de Lugo e a segunda de Galicia
photo_camera As reses xa pastan nos terreos que foron acondicionados no concello do Incio. EP

A aldea modelo de Trascastro (O Incio), proxecto pioneiro na provincia de Lugo, está en funcionamento dende esta semana cunha explotación en extensivo de vacas da raza autóctona cachena.

As reses críanse nuns terreos de 14 hectáreas de superficie, froito da unión de 178 parcelas propiedade dun cento de veciños que deron o seu consentimento para esta aldea modelo, a segunda que se pón en marcha en Galicia despois da de Osmo, no concello ourensán de Cenlle, adicada ao porco celta.

As aldeas modelo son unha iniciativa da Consellería do Medio Rural, coa colaboración dos concellos, para recuperar a actividade produtiva en terras abandonadas, ao tempo que se manteñen limpas como prevención de incendios. Os propietarios que aportan as parcelas perciben unha renda e aforran os custo da roza. Dende a consellería fan o levantamento topográfico, a limpeza e o peche, trámites estes que no Incio se viron afectados pola pandemia, que demorou uns meses o inicio da produción.

"A explotación vai ser en ecolóxico", explica o promotor

A aldea modelo de Trascastro posibilita o asentamento dunha explotación de cachenas promovida por José Armesto e seu fillo, este último como nova incorporación á actividade gandeira. "De momento metín dez vacas para que se fagan co terreo e para primavera conto ter a carga completa", explica Armesto. Segundo di, esta iniciativa servirá non só para producir "en ecolóxico" unha carne "de excelente calidade", senón tamén "para facer de cortalumes e como potencial turístico".

"Estamos moi contentos", asegura o promotor, que se amosa "encantado" coa resposta dos veciños. "Agora correspóndenos a nós coidar as vacas e que funcione a produción", di Armesto, que agarda no futuro completar a actividade con apicultura aproveitando a existencia de tres alvarizas.

Tamén o alcalde, Héctor Corujo, afirma estar "moi ilusionado" con este proxecto pioneiro e pensa xa en dar un paso máis coa recuperación de soutos na contorna.

No conxunto de Galicia atópasense en proceso 18 aldeas modelo, que mobilizan 531 hectáreas de 2.600 propietarios. Na provincia están aprobadas outras dúas en Parada dos Montes (A Pobra do Brollón) e Moreda (O Courel).

Comentarios