García Jurjo: "Se o alcalde tivese dignidade e algo de ética debería entregar a acta"

O tenente de alcalde de Samos é o candidato do PSOE neste municipio despois da retirada do rexedor, Julio Gallego, do que leva sendo 16 anos compañeiro de goberno
photo_camera José Antonio García Jurjo, ante o mosteiro. PORTO

Os socialistas en Samos preparan unha lista que mestura experiencia e renovación de cara ás eleccións municipais, ás que van "buscar a maioría".

Como decidiu dar o paso e ser o candidato á alcaldía?
Decidímolo porque nos sentimos traizoados polo noso compañeiro, o alcalde, non nos comunicou que se ía pasar ao PP. Estivemos enganados por moito tempo ata que chegou o momento que decidimos preguntarlle se era certo. Díxonos que se ía para a casa, que non ía traballar para ningún partido e agora está traballando.

Hai 16 anos vostede e Julio Gallego presentáronse ás primarias do PSOE, agora volven enfrontarse.
Si, pero en diferentes partidos. El estaba baixo unhas siglas socialistas e está traballando en contra delas. Se tivese un pouco de dignidade e fora unha persoa con algo de ética debería entregar a acta de concelleiro, deixala a disposición do partido.

Ante esta situación, como está o goberno municipal?
Está dividido completamente. A concelleira de Servizos Sociais, Marisol Orille, tamén comentan que se pasa ao PP e o resto estamos no PSOE como estabamos, coa nosa ideoloxía.

E nas comisións de goberno? 
El (o alcalde) está no grupo de non adscritos e nós no PSOE. Cada un vota polo que quere. Tivemos unha comisión e sen problema, apoiamos o que consideramos correcto e o que non votamos en contra.

Fala de que a edila de Servizos Sociais se comenta que irá no PP, expulsarana do grupo do PSOE?
Non a expulsamos porque ela non fixo ningunha declaración.

A Gallego expulsárono do grupo polas súas declaracións. Que lles pareceu que diga que é de dereitas e que vai apoiar ao seu fillo, Miguel Gallego, como candidato do PP?
Fatal, sentímonos enganados. Nós somos socialistas, levamos 16 anos nun grupo municipal que pensamos que era socialista e cando nos damos conta o alcalde é do PP. Estivo enganando ao pobo e aos compañeiros de partido.

O rexedor tamén se queixou de falta de apoio da Deputación.
É mentira, si que aportou. Non hai moito firmou un convenio co Concello, está o plan Único e estivo a maquinaria traballando aquí. Creo que a Deputación se portou ben dentro dos medios que hai.

O PSOE dixo que Samos parece unha "dinastía" e "Falcon Crest".
É certo. Os candidatos elíxense libremente, non con ameazas.

Por que di con ameazas?
Se ti non me votas sabes o que hai.

Ameazas para que vote a un candidato?
Aí está.

Como ve a candidatura do PP con Miguel Gallego?
Xa o dirá o pobo. Na súa presentación o PP falou de que a Xunta deu once millóns de euros a Samos, que non minta, supoñemos que contarán as subvencións da PAC e esas son procedentes de Europa e non teñen nada que ver cos fondos que se investiron en Samos. Se investiron once millóns de euros que nos digan en que.

En canto a súa lista xa adiantou que irán dous compañeiros de goberno, José Manuel Campo e Juan Luis López. E o resto? Pasou factura o ocorrido para facer a lista?
A lista témola case completa. Iremos os tres concelleiros e o resto será todo xente nova. A renuncia do alcalde non pasou factura, ao contrario, as súas declaracións favorecéronnos, pois algunha xente que non tiña pensado ir na candidatura se apuntou voluntaria polas súas declaracións.

De ser alcalde, será un traballo continuísta ao destes 16 anos?
Imos mellorar, continuaremos con algunhas cousas que están ben. Imos gobernar para todos dentro dos recursos que teñamos. Non imos repartir o diñeiro aos nosos votantes, vai ser igual para todos. Escoitaremos aos cidadáns, imos ver os problemas que teña cada un e tratar de resolvelos sempre que sexa posible.

Que obxectivos se marcan?
Promoción do turismo, apoio á agricultura e ao sector forestal, intentar eliminar o feísmo e mellorar o servizo de limpeza e recollida de lixo. Intentaremos facer outra residencia. Todo dependendo dos medios que teñamos, sempre que non teñamos atrancos das administracións. Non temos un PXOM aprobado, moitas veces se queremos facer unha obra non nos van deixar. Gustaríame facer máis vivendas en Samos porque hai demanda de alugueres e non hai. Se se pudiese facer algo nese sentido, gustaríanos, porque queremos que se empadroe xente.

Fala de que non hai PXOM, un dos obxectivos é sacalo adiante?
Sería bo, pero non é fácil, xa se leva loitando con isto 30 anos.

Que lle diría aos votantes?
Que depositen a confianza en nós, imos traballar para todos dentro dos medios que teñamos e conseguir o mellor para o pobo.

Comentarios