viernes. 07.05.2021 |
El tiempo
viernes. 07.05.2021
El tiempo

O alcalde de Samos pide á Deputación o arranxo de estradas de Lóuzara

Acceso a Santa Mariña. EP
Acceso a Santa Mariña. EP
Solicita a maquinaria da institución provincial para asfaltar pistas en Santa Mariña e Carqueixeda

O alcalde de Samos, Julio Gallego, solicitou á Deputación Provincial de Lugo maquinaria para asfaltar estradas de Santa Mariña, Carqueixeda e o enlace co vial de Louzarela, na zona de Lóuzara. Estas pistas, dixo, non só prestan servizo aos veciños do concello de Samos, senón tamén aos de Pedrafita e O Courel, e serven de unión entre dúas estradas da Deputación.

O rexedor alegou que o municipio ten "109 núcleos de poboación" e un orzamento "limitado para prestar os servizos básicos imprescindibles para o bo funcionamento do concello", polo que o socialista considera que a administración provincial debería actuar nestas vías.

"A Deputación investiu en diferentes concellos en centros de maiores, parques e campos de fútbol, e asina convenios de colaboración á marxe do plan único", polo que opina que "nós temos dereito a algo máis que unha pesa de mil e poucos euros".

Julio Gallego espera que o ente provincial arranxe os viais e accesos ás aldeas porque a "función principal" deste organismo é "a súa colaboración cos concellos de menos de 20.000 habitantes e debería cumprirse".

O alcalde apuntou que os veciños xa están informados de dita solicitude á Deputación e afirmou que "insistirán as veces que sexan necesarias", aportando as fotos correspondentes das peticións, ata que se leven a cabo as obras nas vías, que se atopan moi deterioradas.

O alcalde de Samos pide á Deputación o arranxo de estradas de Lóuzara
Comentarios