Corujo analiza con Francisco Conde as posibilidades turísticas de Vilasouto

O alcalde trasladoulle ao vicepresidente primeiro da Xunta a potencialidade do pantano
El conselleiro de Economía, Francisco Conde, visita Vilasouto (O Incio). PORTO
photo_camera Francisco Conde e Héctor Corujo, durante a visita a Vilasouto. PORTO

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, analizou as posibilidades turísticas do encoro de Vilasouto co vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde.

O rexedor aproveitou a visita do mandatario autonómico a Magnesitas de Rubián para trasladarlle a potencialidade do encoro e ver posibles vías de comunicación coa Xunta.

Héctor Corujo considera que toda a zona que rodea o pantano ten "enormes posibilidades", polo que lle agradeceu a Francisco Conde o interese amosado na súa visita, que espera que "moi pronto" poida traducirse en liñas de colaboración entre o Concello e a Administración autonómica.

Navegable

O alcalde recordoulle ao conselleiro que o encoro de Vilasouto é navegable con embarcacións sen motor, o que aumenta as posibilidades de ocio e deportivas do espazo. A Confederación Hidrográfica del Miño-Sil (CHMS) autorizou a navegación en setembro do 2021, atendendo a unha petición do Concello.

A medida entrou en vigor o pasado verán, despois de que o organismo de conca instalase balizas para delimitar o espazo que se pode empregar, que é practicamente todo o encoro, excepto a zona máis próxima á presa.

Xa existe algunha iniciativa de aproveitamento do encoro a través do arrendamento de canoas, proxecto que foi posto en marcha desde o hotel Hermida Rural.