As actividades do Plan de Convivencia chegaron a 11.000 alumnos lucenses

O colexio do Incio acolleu unha charla sobre os riscos das novas tecnoloxías
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera A subdelegada do Goberno asistiu a unha charla no colexio do Incio. EP

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou este martes no Incio o éxito de participación no Plan Director de Convivencia e Seguridade nos centros educativos da provincia, con preto de 11.000 asistentes en máis de 330 actividades impartidas no 2022 nun cento de colexios.

Rodríguez asistiu a unha das charlas deste plan do Ministerio de Interior celebrada no colexio Ricardo Gasset, onde membros da Garda Civil falaron sobre os riscos das novas tecnoloxías. Na conferencia, dirixida aos nenos e nenas de cuarto, quinto e sexto de primaria, participaron tamén o alcalde do Incio, Héctor Corujo, e a responsable deste centro de ensino público, Alba Vázquez.

O obxectivo das actuacións programadas é responder a cuestións sobre seguridade que expoñen os escolares, profesores e familias, adaptando as formacións ás necesidades de cada centro e "atendendo a situacións reais que viven os mozos e mozas no seu día a día para protexelos e axudalos".

Así, e segundo datos da Subdelegación do Goberno, o ano pasado impartíronse un total de 324 conferencias en centros da provincia, das que 95 estiveron relacionadas cos riscos das novas tecnoloxías e a ciberseguridade, o que representa un 29% do total; 77 abordaron o problema do acoso escolar e o ciberacoso; 68 sesións dirixíronse ás adiccións de alcohol e drogas; 44 charlas foron sobre violencia de xénero; 13 versaron sobre o racismo, xenofobia e delitos de odio; e outras 27, sobre seguridade viaria, prevención de incendios forestais e orientación laboral. Tamén houbo 13 exhibicións de medios policiais.

A subdelegada do Goberno felicitou ás forzas e corpos de seguridade polo labor de información e sensibilización entre a comunidade escolar, ao tempo que subliñou o impacto destas actividades e a demanda que existe para concienciar e contribuír á formación en idades temperás sobre valores como o respecto e a igualdade.

Isabel Rodríguez lembrou que, aínda que o aconsellable é programar as conferencias no primeiro trimestre do curso, os centros de ensino poden solicitar a súa participación neste Plan Director de Convivencia e Seguridade en calquera momento do ano.

Segundo apuntou, dende o comezo do curso 2022-2023 e ata hoxe xa se impartiron 107 actuacións dentro deste plan e hai solicitadas outras 200 actividades.
 

Comentarios