A Aces sortea mil euros neste Nadal e organiza un concurso de escaparates

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sarria tamén animará as rúas con Papá Noel e os seus axudantes. En colaboración co Concello, instalou a iluminación destas datas festivas.
Ricardo Arias, presidente da Aces, e Iria Vila, de Duet Moda, presentaron a campaña de Nadal. VILA
photo_camera Ricardo Arias, presidente da Aces, e Iria Vila, de Duet Moda, presentaron a campaña de Nadal. VILA

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sarria (Aces) dinamizará o Nadal co sorteo dun premio de mil euros entre os clientes, un concurso de escaparates e animación nas rúas.

A campaña foi presentada este mércores polo presidente da Aces, Ricardo Arias, e a traballadora de Duet Moda, Iria Vila, seguindo coa rotación por negocios asociados.

O acto central será un ano máis O Lotón, iniciativa que premia a fidelidade dos clientes do pequeno comercio. Así, todas as persoas que realicen compras nos locais da Aces entre os días 15 e 31 deste mes optarán a un premio único "e moi apetecible" de mil euros.

O sorteo será o 4 de xaneiro no bulevar da Rúa da Liberdade e o gañador deberá gastar os mil euros antes de Reis nas tendas asociadas. O pasado ano resultou afortunada María Ana López López, natural de Paradela e veciña de Sarria, por unha compra na xoguetería 1,2,3 Escondite Inglés.

Esta campaña de Nadal, cofinanciada pola Xunta, contará tamén cun concurso de escaparates que se desenvolverá nas redes sociais. Deste xeito, será o público o que decida cos seus votos cal é o establecemento coa mellor decoración, que recibirá un diploma.

Ademais, Papá Noel e os seus axudantes animarán as rúas dando a posibilidade, tanto a clientes como a viandantes en xeral, de facerse fotos con eles. Con todos estes eventos, a Aces trata de "darlle vida ao Nadal e transmitir alegría e ilusión nestas datas", ao tempo que apoia o comercio local.

Luces

A asociación é a encargada de colocar as luces destas festas nas rúas máis comerciais da vila en colaboración co Concello, que financia o consumo enerxético.

A maiores, a administración local instala a iluminación (este ano é led) noutras vías de Sarria e en espazos e edificios públicos como o paseo do Malecón, a Praza da Vila, a casa da cultura, a Feculera ou a residencia de maiores, sen esquecer aquelas zonas polas que pasa o Camiño de Santiago, que teñen arcos alusivos aos peregrinos.

Segundo explicou a concelleira Geni Valcárcel, o acendido adiantouse este ano ao 25 de novembro, coincidindo coa celebración do Venres Negro do comercio.

A edila destacou o esforzo por diversificar estes adornos de Nadal e o feito de non cortar árbores naturais, senón decorar as xa existentes na vila, en varios casos contando coa axuda dos bombeiros pola altura dos exemplares.

Comentarios