Abraham Cupeiro ofrecerá en Sarria un concerto benéfico o día 8 de xuño

A recadación será para arranxar o teito de Meigas e para a Banda da Comarca, coa que compartirá escenario
G
photo_camera Abraham Cupeiro, Iván Pereiro e Adrián Balboa, diante da sede de Meigas e Trasgos. VILA

Está inmerso nun ano frénetico con máis de 120 concertos, pero o sarriao Abraham Cupeiro sempre atopa tempo para colaborar na súa vila. O 8 de xuño, ás nove da noite, ofrecerá na igrexa do Rosario o seu espectáculo Pangea, acompañado da Banda da Comarca, da que é un dos fundadores. Será unha actuación benéfica na que toda a recadación irá para dúas boas causas: axudar a esta banda de recente creación e contribuír á reparación das goteiras que afectan o teito da histórica asociación Meigas e Trasgos.

"Gustaríame que fóra unha explosión de axuda para botarlle unha man, que o merece, a un edificio tan senlleiro a nivel cultural que temos en Sarria e a unha pequena banda que acaba de nacer e non ten máis ilusión que traer música á nosa vila", asegura o multiinstrumentista.

Meigas e Trasgos foi a primeira asociación na que Cupeiro comezou a tocar só un cativo e a sede desta entidade é tamén dende hai uns meses o local de ensaio da Banda de Música da Comarca de Sarria. Por todo iso, prepara o concerto do día 8 a modo de "agradecemento" cara este colectivo cultural, con máis de medio século de traxectoria.

"Os que temos que agradecer somos nós porque é unha axuda moi importante xa que temos o problema de que nos chove dentro do local social", afirma o vicepresidente de Meigas, Iván Pereiro.

A reparación do teito ten un custo duns 70.000 euros e, segundo conta este directivo, foi Cupeiro quen se ofreceu a dar o concerto benéfico para recadar fondos.

Sobre o escenario haberá uns 40 músicos da Banda da Comarca, co director Carlos Timiraos como convidado para este proxecto. "Para nós este concerto supón un reto", asegura Adrián Balboa, membro fundador desta agrupación musical, para quen non deixa de ser "un regalo que Abraham poña o seu produto artístico a disposición de dúas asociacións do pobo".

No caso da banda, ao ser de recente creación, empregarán a súa parte da recadación en "cousas básicas, como sillas, atriles ou tinta para impresora das partituras", comenta Balboa, quen confía en ofrecer un gran concerto.

"Sempre estarei empurrando por manter a cultura na nosa vila"

"Creo que compartir é vivir e coido que unir dúas asociacións pode facer que a xente se mobilice por unha boa causa", di Cupeiro, quen fai gala de sarrianidade. "Unha árbore ten que coidar das súas raíces para que as flores e as follas poidan nacer", opina.

De aí a súa declaración de intencións: "Sempre que haxa xente na miña vila que manteña viva esa chama da cultura aí estarei empurrando, porque ao final son un cidadán máis", subliña o músico, que despois de Sarria actuará en Tasmania.

Entradas á venda en Don Pepe e estanco Gallego

As entradas para o concerto do 8 de xuño están xa á venda no pub Don Pepe e o estanco Gallego ao prezo de 15 euros. A cabida será de 370 persoas.

Para aquelas que non poidan acudir e queiran colaborar con estas causas, haberá unha fila cero, de xeito que poderán facer as súas achegas no número de conta ES39-3070-0020-2763-8045-4725.
 

Comentarios