Abraham Cupeiro: "Grazas a Meigas e Trasgos hoxe podo dicir que son músico"

Orgulloso das súas raíces, o músico sarriao Abraham Cupeiro fusiona características da música tradicional coa clásica, empregando instrumentos únicos do pasado. O vindeiro día 31 dará o pregón da cuadraxésima novena edición da Noite Meiga, despedindo o verán na vila
Abraham Cupeiro, cunha frauta hopi dos indios de Norteamérica. VÍCTOR FORMOSELLE
photo_camera Abraham Cupeiro, cunha frauta hopi dos indios de Norteamérica. VÍCTOR FORMOSELLE

ABRAHAM CUPEIRO agradécelle á súa nai que de rapaz o levase a Meigas e Trasgos, provocando que percorra o mundo tocando uns 200 instrumentos, algúns con case 50.000 anos de antigüidade, e que el restaura en certos casos.

Que supón ser o pregoeiro da Noite Meiga de Sarria?

Unha honra moi grande. Grazas a ese colectivo foi onde tiven o primeiro contacto coa música. Tamén, por esta institución hoxe podo dicir que son músico.

Xa sabe o discurso?

Teño algo pensado, pero aínda nada enfiado. Vou facer referencia ás institucións que existen nos pobos que realmente vertebran as vidas das persoas. Un acórdase das cousas que vive e para min foi realmente especial. Vou comentar non só o que significa para min Meigas, senón todas as institucións deste carácter divulgativo e de cohesión para os pobos.

O recoñecemento máis grande do público para os músicos clásicos é, por riba dos aplausos, o silencio

Vostede é un músico atípico. Como comezou a súa andaina?

Comecei na Noite Meiga e na Banda de Música, xuntando a tradición e o clásico. Cando encarei o meu proxecto final de carreira quería ter unha trompeta do século XVIII, pero eran caras. Construín unha con técnicas ancestrais do Barroco. A partir de aí, abriuse un mundo que levaba fermentando durante moitos anos.

Antes non había esa unión entre o clásico e o tradicional?

Sempre vin que existía. Digamos que a música tradicional é como se tiveramos un alambique que vai gotiña a gotiña. A música clásica é algo máis de laboratorio, na que moita xente experimenta, con esencias do pasado. Para min é un patrimonio que hai que poñer en valor, aínda que non sexamos conscientes. A iconografía de instrumentos medievais máis grande do mundo témola en Galicia, e a segunda tamén.

Como se potenciaría?

É sinxelo. En vez de gastar millóns en grupos 'mainstream', habería que incentivar a xente nova das vilas. Tamén potenciar os colectivos, coma pode ser Meigas e Trasgos. Hai sitio para todo, pero o 'mainstream' ten que cobrar a súa entrada. As músicas minorizadas, que non minoritarias, deben ter unha consciencia non só de políticos, senón de todos. Toco unha corna da que nos deberiamos sentir todos os sarriaos moi orgullosos porque foi atopada moi preto da vila por Carlos Tallón. É auténtica da tradición galega. Estivemos tocando este instrumento no festival de Lorient e na Praza da Quintana en Santiago, ateigados de xente, e o silencio co que se escoitaba era a mellor recompensa.

Todos os sarriaos deberiamos estar orgullosos da corna que atopou Carlos Tallón preto da vila, auténtica galega

Nos concertos tamén sorprende pola forma dos instrumentos.

Ao principio o que chama a aten ción é a fisionomía pero o son é cativador. Cando saio a un escenario, por moi espectacular que sexa o instrumento plasticamente, se non funcionase á xente non lle gustaría. De feito, é todo o contrario. Tamén, estiven en Francia probando o único karnyx enteiro que se desenterrou. Nun instrumento tan sinxelo coma estes ten moito que dicir o músico.

O de Tintignac...

Efectivamente. Estiven con Jean Boisserie e o arqueólogo que o desenterrou, Christophe Maniquet, que veu ao concerto. É unha honra que xente deste nivel me preste atención e, sobre todo, a administración francesa que sempre se portou moi ben comigo sen facer máis esforzo que o meu traballo.

O karnyx usábase para a guerra. Como combina na actualidade?

A maioría dos instrumentos usábanse con fins de guerra. Falando con Maniquet, sábese que se usaba tamén nos rituais. Induce ao transo, é dicir, a buscar conexións noutras dimensións. De todos os xeitos, non me molesta reconverter un instrumento que hai anos se usaba na guerra para crear música inspirándome na natureza.

Comentarios