Abraham Cupeiro: "Cheguei de Alemaña e estou a tope de concertos ata setembro do 2023"

O músico sarriao Abraham Cupeiro, que acaba de chegar de Alemaña, ten unha apretada axenda de concertos, tanto que apenas lle quedan datas libres a máis dun ano vista. Aínda saca tempo para amosar o seu gran traballo en programas como 'La Resistencia'. 
Abraham Cupeiro. VÍCTOR FORMOSELLE
photo_camera Abraham Cupeiro. VÍCTOR FORMOSELLE

Como foi o seu paso por 'La Resistencia'? 
Foi divertido, pero ao mesmo tempo un pouco instrutivo. Ensinamos un pouquiño os instrumentos. É un gusto que nun programa deste tipo, que o ve moita xente, teñan cabida e sobre todo que teñan acollida, son os vídeos máis vistos de todo o programa. 

Sorprendeu de novo facendo música cunhas palliñas... 
O día anterior estaba tocando en Alemaña e un colega díxome que a David Broncano (o presentador) lévanlle agasallos. Como sabía que el naceu en Galicia, fíxenlle así unha broma que me deu pé a introducir á xente no mundo da música con algo tan elemental e fácil de conseguir como unhas palliñas de refresco. Está ben porque conseguimos meter algo que teña peso e profundidade nun programa de divertirse, que tamén podes divertirte coa cultura. 

Que opina da repercusión? 
Encántame, pero o día anterior estaba coa Mahler Chamber tocando en Hamburgo, fixen a miña estrea na Filarmónica de Berlín... Veño desta semana cunha das mellores orquestras de cámara do mundo. 

En que anda agora? 
Estou coa orquestra de Extremadura, con Andrés Salado, en Badaxoz (o xoves) e Plasencia (o venres). A semana que vén no festival de Segura de la Sierra (Xaén) e rematarei o mes en Pamplona. En xuño estarei na Palma e Las Palmas, tocarei como catro ou cinco veces en Valencia. E tamén o día 4 no concello de Cambre. 

Ten unha axenda chea. 
Ata setembro do 2023 estou a tope. Abrir o correo e ver que hai xente que quere escoitar a túa música incluso desde confíns doutras partes do mundo e que te chamen para que toques alí, gústache. 

Terá concertos en Galicia? 
Moi poucos porque a miña política é a de non ir pedir nada e vexo que hai unha sorte de mercado clientelista na nosa terra e non me interesa para nada.

Comentarios