Xisco Feijoó: "É preciso que a música pertenza ao pobo"

O cantante desfruta das festas lucenses desde neno e ten no Domingo das Mozas un referente
Xisco Feijoó
photo_camera Xisco Feijoó

Cando comezou a cantar?

De neno a miña nai dicíame que cantaba afinado antes de falar. Coa familia, sobre todo por parte do pai, as sobremesas eran de cinco horas, e as ceas tamén, cantando a voces. Non podería dicir cando empecei.

Traballou anos na recuperación da música polas aldeas. Logo de ‘Peixe’ ten tempo?

Xa hai que non me queda tanto tempo. Non pola presentación de ‘Peixe’, senón por mil proxectos que aconteceron. Son mestre nunha escola de música tradicional e folk no Concello de Vigo, a chamada Etrad. Desde que empecei —que foi moi adicado e moi intenso— foi a menos pero todavía facemos algo.

Hoxe é máis visible a simbiose entre modernidade e música tradicional e de recuperación?

Coido que non é exactamente unha simbiose. É unha realidade. Unha simbiose son dous entes que se unen para beneficiarse. O que está a acontecer é que existe unha realidade, un ente vivo, no cal está presente a nosa tradición máis auténtica. Na mocidade, en moitas persoas que entenden a música desta maneira e non pensan que hai que mesturar a con b. Hai que vivir o que están vivindo. Facéndoo libremente. É unha necesidade que a música tradicional, a máis pura, se conserve, museisticamente e viva, pero tamén é preciso que a música tradicional dos pobos pertenza ao pobo, que a interprete e reinterprete con liberdade. Se queremos que a nosa música, a nosa lingua, perviva, ten que estar presente na música do século XXI. A xente ten que ser libre de facer o que lle pete con ela. 

Que pode agardar o público do concerto de hoxe?

O que pretendo é poñer o meu espectáculo ao servizo do divertimento, da participación. E sobre todo, agardo, dunha música que os encha e os faga sentir felices. 

Xa estivera no San Froilán?

Claro que si. O meu pai é ribeirán, de Sober. Sempre tiven moi boa relación coa xente de Lugo. Fun e son cantante dun coruñés que vive en Rábade, Pepe Vaamonde, que ademais é mestre no colexio Fingoi. O Domingo das Mozas é un referente da miña vida, e Cantigas unha agrupación marabillosa, imprescindible, da cal todos estamos orgullosísimos como galegos. Ver que logo de oito horas de bailar a xente vai cear e, despois, na rúa dos viños hai 25 parellas bailando con gaitas toda a noite é un orgullo. Desexo que as festas de San Froilán continúen sempre cara adiante e cada día mellor.

Comentarios