Nuno Pico, de Grande Amore: "Gravar un álbum con Carlangas foi algo máxico"

Grande Amore poñerá a bailar ao San Froilán este sábado 7 de outubro na Praza de Santa María ás 23.00
Mariagrep, Clara Redondo e Nuno Pico. AIGI BOGA
photo_camera Mariagrep, Clara Redondo e Nuno Pico. AIGI BOGA

Grande Amore é un dos motores que está revolucionando os sons en galego nos últimos anos, rompendo esquemas e vellos prexuízos estilísticos e lingüísticos. Co seu estilo único e enerxético, conquistan escenarios de todo o país, amosando a vibrante escena musical de Galicia ao mundo.

Agora, a banda liderada por Nuno Pico (O Valadouro, 1995) presenta II, o seu último traballo. A pesar de estar nas plataformas desde hai só dúas semanas, o considerado como "o álbum máis punk do grupo" acumula miles de reproducións. Actuarán este sábado 7 de outubro (23.00h.) na Praza de Santa María.

Acaban de presentar o seu segundo disco. Que se pode atopar en II?

O disco vai un pouco na liña do anterior, pero é moito máis escuro. A verdade é que son cancións que a nós nos gustan e que están tendo moi boa acollida.

Produciuno con Carlangas —ex Novedades Carminha— en Sevilla, recorda algún momento con especial agarimo?

Para min toda a gravación con Carlangas foi unha experiencia marabillosa. En solitario, son de darlle moitas voltas ás cancións, ás letras… Chega a ser un pouco enfermizo. Contar coa súa visión e co espírito que lle puxo ao disco foi algo máxico.

As cancions son máis escuras, un pouco de crise existencial. Como foi o proceso de compartir os seus sentimentos a través delas?

Para min foi algo natural, sempre tiven máis facilidade para expresar os meus sentimentos nas cancións antes que na miña vida diaria.

Se tivese que recomendar a unha persoa que escoitase o disco nun momento do día, cal sería?

Antes de deitarse non, porque vai ir eléctrico para a cama (ri). Un amigo meu di que o escoita polas mañas para ir ao traballo. Ese pode ser un bo momento.

Comezou na música hai uns 15 anos, como foi o proceso ata chegar a Grande Amore?

Foi un proceso longo e natural. Hai 15 anos empecei a tocar o saxo de forma casual, porque me obrigou miña nai (ri),  Aínda que sempre me chamou a atención a música, eu era dos que ía a fútbol. Despois de tocar durante anos en grupos, decidín comezar o proxecto de Grande Amore para gravar cancións en solitario que non encaixaban nas bandas nas que estaba.

Aventurouse en solitario e agora toca con Clara Redondo e Mariagrep. Como xurdiu a idea de integralas ao proxecto?

Comezaron a facer colaboracións esporádicas nas actuacións ata que o ano pasado decidimos comezar a dar concertos os tres xuntos. Estamos a facer máis cousas ca nunca e que desfrutamos moito.

Estiveron de xira por toda España, como foi a acollida?

Cada día que imos dar un concertos é unha experiencia moi bonita e gratificante, case como unha excursión de fin de curso (ri). Aínda recordo que en Valencia pensabamos que non ía acudir ninguén á actuación e rematou sendo un dos de maior asistencia.

Quédanlles aínda algunhas datas, unha é a do San Froilán. Como vivirán esa actuación?

Teño que confesar que estou moi emocionado polo concerto do San Froilán. A miña madriña é de Lugo e ía con ela ás festas todos os anos. Sen dúbida, será unha data moi especial.

Comentarios