"Foi unha sorpresa que Apple utilizara o meu tema"

O artista ofrecerá un concerto este domingo 8 de outubro ás 22.00 na Praza Horta do Seminario
Baiuca. GUILLERMO DE LA TORRE
photo_camera Baiuca. GUILLERMO DE LA TORRE

Baiuca é un proxecto moi persoal que intenta achegar a tradición galega á vangarda. Instrumentos como cunchas, frautas, gaitas ou voces tradicionais asócianse con sintetizadores, caixas de ritmo e programacións.

Detrás do proxecto atópase Alejandro Guillán (Catoira, 1990), quen xa sorprendera con un synth pop realmente brillante, conxugando o hedonismo da década dos oitenta cun espírito clásico e sintético. Sen dúbida, un dos artistas galegos máis transgresores e que conseguiu que Galicia soase ben forte no último anuncio do xigante tecnolóxico Apple. Este domingo 8 de outubro, actuará ás 22.00 horas na Praza Horta do Seminario de Lugo.

Comezou facendo synth pop baixo o nome de Álex Casanova. Que ocorreu con esa identidade?

Chegou un momento no que sentín a necesidade de achegarme máis ás miñas raíces e de conectar eses dous mundos da electrónica e a tradición. Foi aí cando decidín empezar con Baiuca.

Agardaba semellante éxito?

Non, aínda que eu sempre quixen que o meu proxecto tivese unha vision global. Non quería que fose soamente para o público galego, considero que facer música en galego é igual de importante que con calquera outra. Ese foi o obxectivo desde o principio e estou moi contento co conseguido ao longo destes anos con Baiuca e as oportunidades que me trouxo.

A súa música descríbese de mil maneras, desde electrónica galega a sons para ambientar un akelarre. Que se considera vostede?

Cada vez me parece máis complexo describir a miña música. Sempre adoito falar desde unha visión global, que é esa mestura de música electrónica e tradición. A partir de aí, en cada canción e cada disco van aparecendo novos elementos e ideas que van dando forma ao proxecto.

Que límites se pon como artista?

Unha das cousas que marca a miña creatividade son as ganas de innovar e de arriscar. Non me gusta quedarme parado nun momento estilístico determinado e non quero repetirme. Iso para min é unha das claves do que eu quero ser como artista. Se non sinto que arrisco, que avanzo e que estou aportando cousas novas coa miña música, creo que sería bastante duro. Polo momento, esa cuestión non me sucede e sigo a reinventarme.

Vostede parece non tocar teito, pois o seu tema Mangüeiro soou no anuncio do lanzamento do último Apple Watch.

Foi toda unha sopresa escoitar as voces das cantareiras de Aliboria na miña remezcla de Mangüeiro. É unha mostra de que como galegos non podemos ter complexos en saír e amosar o que facemos fóra. O galego funciona, a nosa musica pode chegar moi lonxe.

Con que artistas galegos lle gustaría colaborar?

Se tivera que mencionar algún artista, quedaríame con Mercedes Peón e tamén con Luz Casal. Encántame descubrir novos artistas e novas voces, é algo que sempre me apaixoa e que estou facendo para o meu novo disco.

Sempre quixen que Baiuca tivese unha visión global. Facer música en galego é importante"

Emociónao estar no San Froilán?

Teño que confesar que para min o San Froilán de Lugo é unha das festas máis emblemáticas que hai en toda Galicia. Quero ir alí a dar un concerto de verdade, de poder disfrutar co público e ver como bailan os meus temas no formato que estou ofrecendo agora. Teño moitísimas ganas de actuar na cidade.

Comentarios