Dígame o seu primeiro recordo do San Froilán.
A miña primeira lembranza, na que eu debera ter catro ou cinco anos, é estar cos meus pais e os meus irmáns nas casetas do polbo, na típica xuntanza familiar. As casetas aínda eran de madeira e estaban postas directamente na terra. Lembro o xeado de postre, de neno era un lambón e aínda agora o son.
Cal foi o mellor San Froilán da súa vida e por que?
Hai moitos, a verdade é que o teño pasado moi ben polo San Froilán. Quizá na época do instituto foi a mellor. Eu estudaba no Masculino, teño desfrutado cada día das festas, lembro actuar casi tódolos días cos grupos tradicionais facendo pasarrúas, tocando o tambor e bailando, ir a un montón de concertos e saír casi a diario polos viños, continuar bailando na verbena e rematar na zona de pubs. Daquela íase a Clérigos e logo aos locais de Mariña Española.
E o mellor concerto ao que asistiu durante as festas?
O de Mecano, cando estaban na cima. Pero sempre lembrarei con agarimo os primeiros concertos de Milladoiro e Brath.
Que cousa fixo nun San Froilán do pasado que non volvería facer agora?
Pois está claro que xa non teño o corpo para volver a estar toda a noite de parranda, pero non me arrepinto de telo feito!
Con que queda, o Tren de la Bruja, a nora ou a Tómbola del Jamón?
Tiña moita vertixe para a nora e non era moito de tómbolas, meu pai si. Sen dúbida o Tren de la Bruja, téñolle especial cariño, no tren teño lembranzas de neno cos meus pais, de máis mozo acompañando a miña irmá pequena e xa de adulto co meu fillo Brais.
Botando contas, en que gasta os seus diñeiros en San Froilán ou en que gastou máis?
Antes gastaba nas barracas e en saír de festa, agora gasto na ración de polbo, que está polas nubes.
Se estivese na súa man facer o programa de festas, que incluiría e de que prescindiría?
As festas do San Froilán sempre foron as grandes festas populares de Galicia, con moita actividade e animación nas rúas. Agora estamos nunha situación que non é propicia pero en canto se poida deben seguir incentivando esa parte das festas, animacións e espectáculos de rúa, que non perda o sabor tradicional e popular, música e espectáculos galegos, que somos un país de artistas, darlle valor ao noso. Nos últimos tempos están apostando polos artistas locais e é un grande acerto, hai que seguir nesa liña, con algún concerto potente, pero apostando sempre pola calidade, non polo artista famoso de turno, para iso están outros festivais e non unhas festas populares.