Amparo Roca: "Aumentaría a dispersión das actuacións nos barrios"

A xornalista procura o momento ideal para desfrutar das festas sen aglomeracións
Amparo Roca. ADRA PALLÓN
photo_camera Amparo Roca. ADRA PALLÓN

Dígame o seu primeiro recordo do San Froilán.

O meu primeiro recordo das festas do San Froilán é ver un montón de xente pola rúa, aglomeracións, tenderetes e escoitar música de fondo.

Cal foi o mellor San Froilán da súa vida e por que?

Dos mellores, xa que hai varios, foron os que vivín na época de xuventude nas décadas dos 80 e 90. Daquela empezábase de viños a media tarde, barracas, despois algún concerto, saída polos pubs e almorzo con churros nalgunha confitería antes de ir durmir. Recordo que nunha ocasión almorzamos na desaparecida pastelería Marisán que estaba na Avenida da Coruña.

E o mellor concerto ao que asistiu nas festas?

Tampouco podería decidirme por un só. Houbo moitos e de distintos estilos de música: Siniestro Total, Radio Futura, Lúar na Lubre, Tekila, Orquesta Mondragón, Amaral, Loquillo, etcétera.

Que cousa fixo nun San Froilán do pasado que non volvería facer agora?

Visita o feiral e as barracas en hora punta, con atasco e retencións pola multitude de persoas que alí coincidiamos.

Con que queda, o Tren de la Bruja, a nora ou a Tómbola del Jamón?

Quédome co Tren de la Bruja porque a nora é demasiado alta e teño algo de vertixe. Ademais, escollo o tren porque fun de pequena e cos anos repetín viaxe e escobazos cos meus fillos.

Botando contas, en que gasta os seus diñeiros en San Froilán ou en que gastou máis?

No que máis gasto é nas pulpadas que se fan tanto nas casetas como nos bares. Tamén deixo algún diñeiro na feira de artesanía e no resto de tendas, para quedar con algún recordo das festas patronais.

Se estivese na súa man facer o programa de festas, que incluiría e de que prescindiría?

Pois non prescindiría de nada do que hai na programación porque me parece que as festas do San Froilán son moi completas. Sobre o de que incluiría, pois aumentaría a dispersión de algúns dos actos e espectáculos polas distintas zonas da cidade.

Comentarios