12 DE NOVEMBRO, DÍA MUNDIAL CONTRA A NEUMONÍA

"A porcentaxe de secuelas pulmonares que hoxe deixan as neumonías é baixa"

Esta doenza segue a constituír a primeira causa de morte por infección, tal e como lembra a neumóloga do Hula Iria Veiga. Para un tratamento exitoso, a doutora sinala dúas pautas que marcan diferenzas: un diagnóstico áxil, para empezar canto antes co tratamento antibiótico, e a axeitada elección deste, adaptándoo ás características individuais do paciente. 
XPON8862
photo_camera A doutora Iria Veiga é especialista en Neumoloxía. X. PONTE

Que é a neumonía?
A neumonía é unha infección causada por virus ou por bacterias que afecta ao pulmón. Ocasiona acumulación de líquido e secrecións no pulmón, impedindo unha osixenación adecuada. Supón a primeira causa de morte por infección e no noso ámbito ten unha incidencia anual en adultos de máis ou menos 2-5 casos por cada 1.000 habitantes. É máis frecuente en homes, nas idades extremo da vida e en persoas con outras patoloxías, especialmente con outras enfermidades respiratorias ou pacientes inmunodeprimidos.

Esta patoloxía é máis frecuente en homes, nas idades extremo da vida e en persoas con outras enfermidades respiratorias

Cales son os síntomas cos que se manifesta?
Os seus síntomas iniciais adoitan ser tos –con ou sen expectoración–, deterioro do estado xeral, febre e dificultade respiratoria. Poden asociarse outras sinais, coma dor torácica coa inspiración profunda.

Pode haber casos leves, nos que o paciente non chegue a saber que a padece e crea que só ten unha bronquite?
Si, pode haber casos que cursen de maneira máis leve que poidan confundirse inicialmente cunha bronquite. De todos os xeitos, o curso da neumonía é diferente ao da bronquite. As neumonías afectan propiamente ao tecido pulmonar e as bronquites, como o seu nome ben indica, aos bronquios.

Como se trata esta afección?
A neumonía trátase con antibióticos. É importante adecuar a elección dos antibióticos ao ambiente epidemiolóxico, as resistencias a antimicrobianos da zona e as características do paciente (enfermidades de base, infeccións previas recentes, situación de inmunosupresión, ingresos próximos, etc). Agora mesmo, estamos a punto de iniciar un estudo a través da Sociedade Española de Neumoloxía e Cirurxía Torácica para intentar establecer de xeito máis preciso a causa das neumonías que requiren un ingreso hospitalario. Isto axudaría a guiar a elección do anbitiótico tamén de xeito máis preciso.

No Hula imos iniciar un estudo para intentar establecer de xeito máis preciso a causa das neumonías que requiren de ingreso

A neumonía ten dous picos de incidencia, en menores de cinco anos e en maiores de 65, que ademais son dos grupos máis vulnerables. O tratamento vai ser distinto nestes casos?
O tratamento é con antibióticos en todos os rangos de idade. Pero, como comentaba previamente, o importante é elixir adecuadamente o antibiótico adaptándoo ás características individuais do paciente, as cales nos orientan ao tipo de xermes que debemos cubrir con eses antibióticos. Por exemplo, non é o mesmo un paciente de 65 anos sen outras enfermidades que un paciente de 65 anos con Epoc e que tivo infeccións recientes por xermes resistentes.

Hai ocasións nas que a infección se complica tanto que pon en perigo a vida do paciente. Por que pasa isto?
Non hai unha causa concreta de por que nalgúns casos unha neumonía se complica. Habitualmente trátase da suma de varios factores. Os extremos de idade, o padecer outras enfermidades –como por exemplo Epoc, asma ou diabetes–, estar inmunodeprimido ou ser fumador son factores de risco para unha neumonía máis grave. Outro factor que inflúe é o retraso no diagnóstico, o que supón iniciar máis tarde o tratamento con antibióticos e, por tanto, ter máis risco de que a neumonía afecte a máis zonas do pulmón ou pase ó sangue, o que se coñece como sepse; en resumo, a ter unha neumonía máis grave.

Poden quedarlle secuelas ao paciente?
Habitualmente non quedan secuelas despois dunha neumonía. Sempre hai que facer un control radiolóxico máis ou menos ao mes de ter pasado a infección. Os casos máis graves, nos que houbo afectación de moitas zonas do pulmón ou que requeriron ingreso na Uci, con necesidade de intubación e soporte respiratorio, teñen máis risco de facer cicatrices no pulmón. De todos os xeitos, incluso nestes casos, a porcentaxe de secuelas pulmonares a longo prazo é baixa.

O coronavirus segue a provocar neumonías ou as vacinacións conseguiron impedir que a infección avance ata esa fase?
A incidencia de neumonías por coronavirus descendeu significativamente. De todos os xeitos, especialmente naqueles pacientes de risco, con algún tipo de inmunosupresión que non lles permite ter unha adecuada resposta vacinal, segue existindo risco de presentar neumonía.

A vacinación contra gripe e neumococo protexe contra as neumonías. Tamén o uso de máscaras ou non fumar

Á considerada poboación de risco recoméndaselle a inmunización contra a gripe e contra o neumococo. Que grado de protección ofrecen estas vacinas?
Recoméndase a vacinación contra a gripe e o neumococo especialmente a partir dos 65 anos ou en certas patoloxías de risco, por exemplo na maior parte das doenzas respiratorias. O grado de protección que ofrece a vacina da gripe depende da cepa circulante que haxa cada ano, pois esta vacina elabórase tendo en conta a cepa circulante na estación invernal anterior, de xeito que a súa protección é moi variable (entre un 40% e un 80%). Con respecto ao neumococo, as vacinas diminúen a incidencia e a gravidade  da enfermidade, pero tampouco hai cifras certas do seu nivel de protección. Ademais, o grado de protección que se chega a adquirir con calquera vacina depende tamén das características individuais da persoa; como comentaba antes no caso do coronavirus, hai pacientes que, por exemplo debido aos seus tratamentos ou enfermidades de base, non alcanzan a adquirir unha resposta vacinal adecuada.

Ademais da inmunización, hai algunha outra acción preventiva que aconsellen?
No caso das infeccións víricas, a principal medida preventiva é o uso de máscaras. Respecto a ambas causas, especialmente ás infeccións bacterianas, ser fumador ou consumir alcohol de xeito abusivo aumentan tanto o risco de padecer neumonía como de que esta sexa máis grave.

Comentarios