A Xunta mobilizará 160 hectáreas abandonadas no Val de Lemos para que as usen gandeiros e agricultores

A iniciativa enmárcase nun proxecto, segundo informa Medio Rural, que se iniciou en 2016 coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Juana de Vega

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, este martes ante o pleno do Parlamento de Galicia para informar sobre o futuro da PAC. XOÁN REY (EFE)
photo_camera A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez. XOÁN REY (EFE)

A Consellería do Medio Rural remitiu a máis de 250 propietarios ou copropietarios de parcelas situadas na zona de Val de Lemos a información relativa ao proxecto de mobilización que se está realizando de case unhas 160 hectáreas en estado de abandono pero que, pola boa calidade da súa terra, poderíanse pór en valor para o uso dos gandeiros e agricultores da zona.

A iniciativa enmárcase nun proxecto, segundo informa Medio Rural, que se iniciou en 2016 coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Fundación Juana de Vega, a partir da análise de 300 hectáreas de terreo situadas nos concellos de Monforte de Lemos, Pobra do Brollón, Sober, Pantón e Bóveda.

Trátase dun "proxecto piloto" co que se persegue a mobilización efectiva de terras agrarias para a súa posta en produción, tanto para potenciais demandantes locais como doutras zonas de Galicia.

Despois de analizar a área de interese e as parcelas, que estaban en estado de abandono, algunhas localizadas en zona de concentración parcelaria, a Consellería púxose en contacto cos propietarios para dar a coñecer os beneficios do programa.

Deste xeito, remitíronse xa máis de 250 cartas a propietarios e copropietarios que acolleron a proposta "cun grao de aceptación aceptado", explica a Consellería nun comunicado, debido a que "ven nesta iniciativa unha boa oportunidade" para loitar contra o abandono de terras e para favorecer ás granxas.

Cara a finais de verán, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez convocará unha reunión informativa con todas as persoas interesadas para explicar detalladamente como se articulará o proxecto e cal será o seu enfoque e amparo xurídico, entre outras cuestións.

OUTROS PROXECTOS. Co mesmo fin, a Consellería pon de relevo que se está traballando na finalización dos 127 procesos de restauración parcelaria e creando unha ferramenta máis rápida, o modelo Marcos, "un novo instrumento de reestruturación parcelaria máis áxil e de baixo custo para facilitar a mobilidade en zonas de tamaño pequeno, entre 50 e 200 hectáreas".

Comentarios