A Xunta inviste 15 millóns de euros na reforma integral do hospital comarcal

O proxecto afecta a unha superficie de 10.000 metros cadrados e garantirá mellores espazos sanitarios en Monforte
undefined
photo_camera O xerente do hospital comacal contempla algunhas das reformas. L.A.R.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) segue coas obras de reforma integral do Hospital Público de Monforte, que suporán un investimento total de 15 millóns de euros e afectarán a unha superficie de 10.000 metros cadrados. Unha vez rematadas, a área sur contará cun hospital rehabilitado, modernizado e adaptado aos novos retos sanitarios.

Esta reforma integral do hospital comarcal monfortino dotará o centro de espazos máis amplos, modernos, funcionais e adaptados ás necesidades asistenciais. A comezos do vindeiro ano, o Sergas ten previsto iniciar unha nova fase dos traballos, unha vez que xa se rematou a primeira parte deles.

Segundo se contempla no plan director, que rexe as obras que se están a desenvolver no centro, as actuacións suporán a apertura de novas unidades de hospitalización, a creación dun novo Hospital de Día de Oncoloxía e Hematoloxía e dun Hospital de Día de Procesos Asistenciais, a habilitación de novos gabinetes de exploración, a reordenación e adaptación da área de consultas externas e a reforma do servizo de Farmacia, así como a adquisición de novo equipamento tanto para esta área como para o servizo de Anatomía Patolóxica, entre outras accións.

Crearanse un novo Hospital de Día de Oncoloxía e Hematoloxía e un Hospital de Día de Procesos Asistenciais

Deste xeito, áreas como as de consultas externas, Farmacia, gabinetes de exploración, Anatomía Patolóxica, Hospital de Día de Oncohematoloxía, Urxencias ou as plantas de hospitalización serán renovadas, modernizadas e, nalgúns casos, ampliadas.

As primeiras intervencións xa están concluídas. Estiveron orientadas a liberar os espazos necesarios dentro do hospital para emprazar os novos servizos. Así, construíronse catro novos locais no edificio novo do hospital, aos que se trasladaron os almacéns.A zona que estes ocupaban destinouse á creación dunha área de dez novas consultas, entre as que figuran as de Unidade de Hospitalización a Domicilio e Coidados Paliativos, Saúde Laboral, Medicina Preventiva, Enfermería de Endocrinoloxía e Riscos Laborais.

Mentres, a zona que antes ocupaban esas consultas permitirá construír o novo Hospital de Día de Oncohematoloxía e o Hospital de Día de Procesos Asistenciais. Está previsto que as súas instalacións comecen a inicios de ano.

O Sergas tamén acometeu a dixitalización de todas as historias clínicas do hospital, deixando libre o espazo que ocupaba o arquivo, o que posibilitará ampliar o Servizo de Farmacia a comezos do vindeiro ano. Ademais, cambiouse toda a climatización da área de Anatomía Patolóxica e adaptáronse os seus espazos ao novo equipamento.

O Sergas dixitalizou todas as historias clínicas

Nos presupostos da Xunta de Galicia para o 2021 consignáronse partidas específicas para seguir con este proceso de reforma integral do hospital de Monforte, de tal maneira que a principios do vindeiro ano se inicie xa a citada construción do novo Hospital de Día de Oncohematoloxía, do Hospital de Día de Procesos Asistenciais e a reforma do servizo de Farmacia.

HOSPITAIS DE DÍA. O futuro Hospital de Día de Oncohematoloxía terá unha nova localización e unha superficie maior có actual para albergar 10 postos de tratamento, consultas médicas e de enfermería oncolóxica, entre outros servizos complementarios.

A súa posta en marcha aumenta a comodidade dos pacientes con cancro e permite atender neste centro todas as patoloxías oncolóxicas da área sur sen necesidade de desprazarse a outros centros.

Por outra banda, a creación dun Hospital de Día de Procesos Asistenciais, que contará cunha ampla sala de tratamentos con sete postos, mellorará substancialmente a calidade da atención que se presta neste centro. En total, os dous hospitais de día sumarán 17 postos de tratamento e pasarán dos 160 metros cadrados actuais a dispor dunha superficie de 390.

O departamento sanitario da Xunta subliña así a importancia dos hospitais comarcais, pola súa proximidade. O Goberno galego destaca a súa aposta por achegar a atención especializada aos usuarios, ofrecéndolles uns servizos sanitarios avanzados e de calidade.

Comentarios