A Xunta achega 80.000 euros para ampliar o Museo Arqueolóxico de Quiroga

A medida pretende reforzar o turismo no xeoparque mundial da Unesco Montañas do Courel
Museo Arqueológico de Quiroga. TOÑO PARGA
photo_camera Museo Arqueológico de Quiroga. TOÑO PARGA

A Consellería de Cultura achegará 80.000 euros para a ampliación do Museo Arqueolóxico Municipal de Quiroga, prara promover o turismo nesta localidade situada no xeoparque mundial da Unesco Montañas do Courel. 

O museo, inaugurado en 2011, está dedicado á divulgación, estudo e protección dos valores xeolóxicos da comarca quiroguesa e ademais da súa importante traxectoria para impulsar o patrimonio cultural, ten o valor engadido de ser o único en Galicia dedicado a esta temática. Na actualidade, conta con cinco salas dedicadas cada unha delas á formación do territorio en Galicia, á historia paleontolóxica galega e evolución da vida, á idade dos xeos, ás primeiras ocupacións humanas na zona e á minaría.  

Este centro recibe 7000 visitas ao ano e constitúe o complemento perfecto para a posta en valor dun recurso natural de primeiro nivel como é o Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel, declarado como tal recentemente e ao que tamén se dará impulso coa ampliación. O xeoparque está surcado por vales profundos e canóns formados pola erosión. Na admirable paisaxe das súas montañas pódense observar trazas de explotacións minerais, mostras manifestas da indisoluble relación entre o ser humano e os recursos minerais proporcionados polos solos rochosos paleozoicos da rexión, que forman unha barreira entre o interior da Península Ibérica e a súa fachada atlántica. 

Comentarios