miércoles. 20.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.10.2021
El tiempo

Xosé Lois Maceda Vilariño: "A medio prazo quero recuperar o casco antigo medieval da Pobra"

Xosé Lois Maceda Vilariño. AEP
Xosé Lois Maceda Vilariño. AEP
É tan alcalde como veterinario, así que non lle queda máis remedio que ter os pés na terra. Intenta reinventar un concello que perde veciños e traballo. Aférrase a todo o aproveitable e tanto bota man do monte coma do patrimonio cultural. Todo vale se lle dá alento á economía 

O alcalde da Pobra do Brollón fala rápido, coa axilidade de quen ten as ideas claras. Admite que o seu concello atravesa unha situación crítica en canto a emprego e poboación. Non se para en desculpas porque necesita o tempo para buscar solucións. O plan é aproveitar os recursos de dentro para atraer a riqueza de fóra.

Que ten sobre a mesa?
Para nós o prioritario neste momento é a construción da residencia de maiores. É un tema que xa está avanzado coa Deputación. Acaba de adxudicarse a obra. Ten un prazo de execución dun ano, pero despois aínda haberá que poñela en marcha. Tamén temos un centro de día funcionando e uns servizos sociais potentes. Creo que ese ámbito está ben cuberto, pero é necesario porque temos unha poboación envellecida.

Un informe do Banco de España alerta do risco de despoboamento na Pobra do Brollón.
Desde o Concello pouco se pode facer nese sentido. Resistimos facendo o que podemos, pero levamos moitos anos sufrindo o desmantelamento do rural e iso non o pode frear unha administración local cos seus recursos. Á xente gústalle vivir no campo, pero se non hai traballo ninguén vai vir. Bastante paciencia teñen e bastante esforzo fan os que xa están aquí. Ademais, os recortes feitos desde outras administracións tampouco axudan e fan que vivir no rural sexa incómodo.

"Os peregrinos son a esperanza de futuro para a economía local e hai que darlles servizos para que paren no concello"

De que recortes fala?
Da supresión de médicos, das infraestruturas mellorables, da mala cobertura das telecomunicacións...

Ten solución?
Son veterinario e asisto cada día á morte do sector primario. Pechan explotacións, a carne e o leite están mal pagados, os mozos que terían que asumir o relevo buscan alternativas laborais e marchan... Fai falta unha reforma estrutural para desenvolver os sectores básicos da economía rural.

De que se pode vivir na Pobra do Brollón?
Temos un sector forestal con moita potencialidade que xera emprego. O monte está ordenado en mancomún e xestionado polas comunidades veciñais. E para impulsar o aproveitamento da terra, desde o Concello apoiamos a recuperación da viticultura na zona de Vilachá. Tamén apostamos polo turismo e a esperanza de futuro é o Camiño de Inverno, que estaba emerxendo antes da pandemia e espero que se recupere agora.

Hai un albergue en proxecto.
Si, queremos crear as condicións para que os peregrinos pernocten aquí. A Pobra é fin de etapa natural, así que hai que darlles os servizos que necesitan para animalos a parar. O Concello comprou un inmoble para rehabilitalo como albergue e fíxose o proxecto, pero era en convenio con Agader e agora temos problemas coa Xunta. Non poderemos facelo a curto prazo, pero intentaremos amañalo.

"Supoño que me volverei presentar ás eleccións porque teño plans a longo prazo que quero ver rematados ou avanzados"

O caso é atraer xente que axude a dinamizar a economía local.
Para a xente nova resulta moi atractiva a dinámica cultural. Temos escola de música e unha programación cultural intensa. Pode haber vida dentro do concello e iso atrae poboación.

Coa pandemia esas actividades culturais supoño que quedarían en suspenso. Vanse retomar?
Si, coas medidas de control necesarias e con menos público. Por exemplo, xa empezou o programa Terraceando, que consiste en sesións vermú de fin de semana diante dos establecementos da Pobra. Deste xeito, axudamos a dous sectores que se viron moi prexudicados durante a pandemia: a hostalería e os músicos. Apostamos por grupos galegos e pola música tradicional, por poñer en valor o noso.

Quédanlle dous anos de mandato. Hai algo que queira deixar feito?
Non me gusta poñer límites a curto prazo. Cando me sento na cadeira de alcalde penso en proxectos a 10 ou 15 anos que posiblemente non remate eu. Entre eses está o plan de revitalizar a economía coa axuda do Camiño, por exemplo. A medio prazo tamén me gustaría recuperar o casco antigo medieval da Pobra, que case ninguén coñece, para convertilo nun deses lugares que queda no recordo de quen o visita.

Vaise presentar ás próximas eleccións?
Supoño que si, por isto que estou contando. Teño plans a longo prazo. Cando comezas un proxecto gústache velo rematado ou, polo menos, avanzado e en desenvolvemento.

Veterinario, deportista e viaxeiro
Traxectoria política
Xosé Lois Maceda é alcalde desde o 2007, con maioría absoluta desde o 2015 e non ten ganas aínda de ceder o bastón de mando, así que conta con optar de novo á alcaldía nas próximas eleccións.

Veterinario
Segue exercendo a súa profesión de veterinario porque "despois da política hai vida" e sente que iso lle dá "independencia". Traballa en equipo, o que lle permite concentrar este labor profesional nas tardes e as fins de semana.

Deporte
Gústalle facer rutas en bicicleta de montaña.

Viaxes
Desfruta das viaxes en familia, pero a pandemia truncoulle algún plan. Terá que modificalo e optará por visitar destinos cercanos.

Xosé Lois Maceda Vilariño: "A medio prazo quero recuperar o casco...
Comentarios