"A xente debe sentir que o Ateneo non é do pasado'

María Loreto González Cabanas leva dous anos coma presidenta do Ateneo Casino de Monforte, unha sociedade que conta con 180 socios. Di que foron tempos difíciles coa pandemia, pero lograron ter actividades case todas as fins de semana. A súa gran meta é fomentar a cultura e as relacións sociais.
María Loreto González xogou por primeira vez ás cartas no Ateneo. M.PIÑEIRO
photo_camera María Loreto González xogou por primeira vez ás cartas no Ateneo. M.PIÑEIRO

Que balance fai dos seus dous anos de presidenta?
Fixemos moitas actividades culturais e sociais malia as restriccións pola pandemia e o medo da xente a asistir a actos, así que o balance é moi positivo. Por outra banda, dáme mágoa que antes houbera partidas todas as tardes e agora teñamos o Ateneo case todo o día practicamente deserto polo temor dos usuarios, sobre todo os de máis idade, a coller o coronavirus. Estes dous anos aproveitamos tamén para mellorar as nosas instalacións.

Queda algo pendente?
O máis urxente é celebrar unha asemblea xeral, pois ata agora non o permitían as restriccións. Poremos a presidencia e a directiva a disposición dos socios, por se queren votar por outro equipo.

"A directiva está traballando moito. A min gustaríame dar o relevo como presidenta", matiza

A directiva quere seguir?
Penso que o está facendo ben e podería repetir. No que a min respecta, se outra persoa asume a presidencia, mellor. A miña residencia non está fixa en Monforte. Polos problemas físicos que padezo teño que ir a miúdo a Madrid a revisión. Ademais, posúo unha casa en Canarias, onde vivín e traballei coma médico moitos anos, e paso tempadas coa miña nai alí. Seguiría axudando e traballando todo o que puidera. Se non hai alternativas continuarei, porque son moi monfortina. E iso que nunca vivín aquí, agás cando era moi pequena. O meu pai era piloto militar e os destinos estaban fóra. Iso si, as miñas raíces están en Monforte, onde residían os meus avós. As miñas irmás e eu queriamos vir todas as vacacións.

Como se pode atraer a mocidade a espazos coma o Ateneo?
Organizamos actividades para que as familias veñan cos nenos e participen en xogos e actividades. Buscamos así crear apego na xente con 40 ou 50 anos con fillos. Queremos que lle teñan amor ao Ateneo e vexan que non é o que foi noutros tempos. É difícil. Sempre conto que a primeira festa de poñerme zapatos de tacón e arranxarme á que fun foi aquí, no Casino de Monforte, con 14 ou 15 anos. Chamábase O Chocolate e organizábase de 19.00 a 22.00 horas. Hoxe a xente vai ás discotecas e outros sitios de encontro e resulta moi complicado xerar un arraigo. 

"Percibimos un aumento de xente nova, pero queremos que veñan máis rapaces", di María Loreto González

Hai máis xente nova no Ateneo?
Un pouquiño si o percibimos, pero non moito. A ver se o virus marcha e nos deixa facer máis cousas. Queremos fomentar os xogos de mesa ou as cartas, ás que sabiamos xogar todos cando eramos pequenos. Hoxe a xente nova, agás que na súa familia teñan o hábito, non xoga. A miña primeira baralla collina no Casino de Monforte. Ollo, cando digo xogar refírome no sentido de entretemento e enriquecemento creativo, non por diñeiro.

É posible a colaboración do Ateneo co Círculo Victoria e La Fraternal, as outras dúas sociedades monfortinas?
Engado o Club Fluvial. Eu espero que poidamos ter unha reunión e que acordemos compartir espazos. A miña proposta é que os socios do Club Fluvial, o Círculo Victoria e La Fraternal poidan vir ao Ateneo cos mesmos dereitos que os nosos socios e ao revés.

Comentarios