A súa paixón pola música de raíz levouno a percorrer toda Galicia e parte do mundo, pero el queda coa Serra do Courel e, en concreto, coa aldea quiroguesa da Seara. Neste lugar, o mestre gaiteiro Xavier Blanco, natural de Moaña, traballa para poñer en marcha un centro de interpretación que recolla a súa extensa colección e onde afondar na investigación e na recuperación.
Como acaba na Seara e por que decide que é o lugar axeitado para este ambicioso proxecto?
Non lembro como cheguei ao Courel, pero si teño claro o motivo polo que escollín esta terra. É ideal polo medio ambiente, os recursos naturais cos que podemos traballar, as paisaxes e a calma coa que aquí se vive.
Malia a tendencia ao abandono de moitas aldeas cercanas, A Seara ten moita vida.
Si, ten moitos atractivos e hai moita poboación neorrural. Nós adquirimos unha casa hai anos e dende entón fomos madurando o proxecto. Cada vez pasamos máis tempo aquí e o noso obxectivo é quedar de forma continua.
Viaxou moito recollendo información sobre a música de raíz, que destaca da zona neste senso?
Fixen un estudo sobre a música tradicional do Courel con moito traballo de recollida e salientaría, sobre todo, o elevado nivel no aspecto técnico que tiñan os músicos que houbo aquí, como puido ser o gaiteiro de Mostaz, Manuel Vázquez. Sorprendeume tamén que un grupo como Os Padernes se convertese nunha orquestra con sona, unha das primeiras de Galicia, e a técnica tan depurada que amosaban. Mencionaría ademais a Felisa de Bendilló, unha das poucas mulleres que gañou a vida coa música daquela.
Durante estes anos recolleu moitos instrumentos, cantos ten?
Uns 900 entre os recuperados e os reproducidos, porque algúns cedéronmos, pero outros teño que imitalos. Catalogados teño máis de 1.100 instrumentos e, ademais, dispoño dun arquivo sonoro, de partituras e de moitas fotografías. En total, son arredor de 35.000 documentos.
Como será o centro de interpretación que prepara?
Contará cun obradoiro e tres salas. A primeira estará dedicada aos instrumentos primixenios, destacando a arte pastoril; a segunda centrarase nas manifestacións festivas ao longo do ano, dende a malla ao Nadal, e nos seus instrumentos e, na terceira, teremos un espazo para o movemento acompasado.
Semella que a aldea da Seara se converterá nun lugar de referencia no eido cultural en Galicia.
Non existe en ningunha parte do mundo un concepto de centro que catalogue a música de raíz como o que queremos crear. Creo que é algo bo para a zona e para Galicia, faga quen o faga, e o importante é que vai quedar aquí, porque é un patrimonio de todos que non queremos levar á tumba. Por iso creamos a Fundación Legar, que tivo unha grande acollida dende o principio.
En que punto está o proxecto?
Seguimos coa restauración da casa que acollerá o centro e agardamos abrila ao longo deste ano ou a comezos de 2024.