Volantes, maragatos e mecos por Chantada e comparsas por Monforte

O choro do pucho despediu os actos do Entroido Ribeirao e a cidade do Cabe viviu un desfile de comparsas con máis de mil participantes

O Entroido segue forte na Ribeira Sacra e este martes volveu ser de disfraces, sátira e diversión na comarca. Concorrido e axudado polo bo tempo, o desfile de comparsas percorreu todo Monforte mentres os volantes, maragatos e mecos do Entroido Ribeirao brincaban polas hortas da parroquia chantadesa de Santiago de Arriba para velar polas boas colleitas na primavera.

O choro do pucho -un dos personaxes máis pintorescos deste Entroido tradicional- puxo o punto e final aos actos ribeiraos en Chantada. Cada ano máis persoas asisten ata O Moredo para ver unhas das celebracións máis particulares da provincia.

Ao mesmo tempo, Monforte gozaba dun desfile de comparsas quilométrico. E foi literal, porque cando o último grupo de xente disfrazada iniciaba o seu traxecto na Praza da Estación o primeiro circulaba xa pola Praza dos Chaos. Estes dous puntos do casco urbano monfortino están separados por dous quilómetros.

Máis de mil persoas participaron nun desfile onde chamou a atención a presenza de ata oito comparsas procedentes de concellos limítrofes. A Pobra do Brollón, Sober, Sarria e O Incio deixaron a súa pegada no Martes de Entroido en Monforte.

Dous barrios, Carude e Distriz, gañaron os premios ao humor e a música en vivo e o clube Quicela de ximnasia rítmica levou o da mellor posta en escena.