Vodas de ouro da Yoel en Chantada

Elvira Brao Sanmartín, dona da discoteca Yoel, no interior do establecemento. EP

No 1969, Elvira Brao Sanmartín abriu xunto ao seu home un dos negocios hostaleiros históricos da vila do Asma. Desde entón foi cafetaría, restaurante, hotel, discoteca e karaoke. A empresa mantense hoxe en día coma pensión e a súa propietaria, con 83 anos, non pensa pechar. Ao contrario. "Se me deixaran, seguiría coa discoteca", di

"MOITO TEN CALADO a Elvira", responde un veciño de Chantada cando se lle pregunta pola Yoel. Refírese a Elvira Brao Sanmartín, a muller que dirixiu este negocio os últimos 50 anos e que con 83 ás súas costas non ten pensado pasar a chave para sempre. Medio século de servizo dá para moito. Anécdotas, historias e lembranzas sobreviven entre as paredes dun local familiar que foi case todo o que se pode ser en hostalería. Desde 1969 ata hoxe, a Yoel funcionou coma cafetaría, restaurante, hotel, discoteca e karaoke.

Actualmente, este establecemento familiar só exerce coma pensión. É un lugar habitual de hospedaxe para peregrinos e tamén recorren a el persoas que visitan Chantada con motivo da Feira do Viño ou o festival Castañazo Rock, xunto á ruta xacobea os dous eventos que máis clientes lle aportan a Elvira. Iso non quere dicir que os dous pisos ubicados no andar baixo do número 16 da Rúa Ramón e Cajal de Chantada estean abandonados. Elvira e a súa familia, entre eles o seu fillo, Ángel Corredoira, manteñen a licencia de discoteca. "Quen queira o local, aí o ten. Se por min fora aínda seguiría eu con el, pero non me deixan", afirma Elvira Brao, incansable.

A veterana hostaleira confirma que a frase que abre esta reportaxe é certa. "A min sempre me gustou a xuventude e o que tiven que dicirlles aos clientes faleino con eles. Nunca chamei a ningún pai", di. Tamén comenta que librou a máis dun de coller o coche nun estado non óptimo. "Viña moita xente dos arredores de Chantada e se tiñan que conducir e beberan, quitáballes as chaves e baixáballes algo de comer para que se lles pasara a borracheira", asegura, divertida, mentres o seu fillo destaca que para moitos "era coma unha nai ou unha psicóloga".

Elvira di que o seu era o local da xuventude e que nunca quixo chamar a ningún pai para solucionar un problema cun cliente

A discoteca Yoel foi testemuña dunha época de esplendor en Chantada. A ditadura de Franco acababa de caer e os 80 e 90 avanzaban da man de cancións e grupos que cos anos se converteron en referencias.

Esta especie de embaixador da movida madrileña no corazón de Galicia abría de venres a domingo nunha primeira sesión entre as 19.00 e as 22.00 horas. Era momento para a música ambiental e o baile. As súas portas volvían tragar público de 23.30 a 4.00 da madrugada.

"Se de algo podo presumir é de que nunca tiven problemas con ninguén. Pasei grandes momentos aquí dentro", comenta Elvira, que abriu o negocio xunto ao seu home, José, finado hai dúas décadas. O nome Yoel pretendeu ser unha unión das primeiras sílabas dos nomes do matrimonio. Joel, segundo relata Ángel, non lles soaba ben, así que optaron por que a letra inicial fose un i grego.

Así foron pasando o tempo e as festas. O Entroido era outra das datas sinaladas. O sábado, os clientes tiñan que levar disfraces de cor branca e negra e os luns participaban no baile da laranxa. 60 parellas chegaron a xuntar con esta actividade, que consistía en colocar unha peza desta froita entre as frontes dos dous compoñentes, que debían danzar sen que caera ao chan para non ser eliminados.

Yoel é un dos moitos nomes vinculados ao ocio nocturno de Chantada, que hoxe en día está moi vido a menos

"A xente esperaba para entrar. Este era o local da xuventude de Chantada", conclúe Elvira Brao, quen desexa ver unha recuperación da comarca, cada vez máis afectada polo despoboamento. "Gústame que os mozos traballen e poidan valerse por si mesmos. Oxalá tiveran ocasión de facelo aquí", sinala.

FUTURO. Malia súa idade, Elvira Brao non ten intención ningunha de parar. Ela é un gran exemplo de que a xuventude non está só no tempo, tamén na mentalidade e as gañas de vivir. "Moitas veces collo o coche e digo, teño 50 anos non 83", bromea. Xa non hai discoteca, porque, insiste, "non me deixan", pero polas escaleiras da súa pensión segue subindo xente.

Medio século non é nada e todo parece indicar que a historia da Yoel aínda ten moitos capítulos por vivir en Chantada. "Outros 50 non creo que os dure, pero dentro de 20 anos terei 103. Tampouco son tantos", sentencia unha muller en plena forma. "Só me falla un pouco un xeonllo, a cabeza téñoa de marabilla", asevera Elvira Brao.