Viños que gardan a rusticidade do Sil

Terra Brava conta cunha parcela na ribeira de Doade da que proceden tintos e brancos que os críticos califican de "auténticos"
Breogán Pereiro no bambán de Terra Brava. GUILLERMO SOTELO
photo_camera Breogán Pereiro no bambán de Terra Brava. GUILLERMO SOTELO

Nos anos noventa o pai de Breogán Pereiro agasallárono cunha parceliña de viña en Doade, no corazón da Ribeira Sacra. Despois, entre pai e fillo mercaron algo máis de terreo, ata sumar dúas hectáreas e media, e botaron anos vendendo as uvas ás adegas da contorna. Co paso do tempo Breogán decidiu que era hora de elaborar o seu propio viño e no 2012 saiu ao mercado a primera colleita de viños Terra Brava. "A adega leva ese nome porque elaboramos no Incio, de onde somos nós. Temos a viña en Doade e temos a adega no Incio", suliña Breogán.

Terra Brava ten catro referencias no mercado. O tinto xoven e o branco xoven levan o propio nome da adega. O primeiro está feito con uvas das castes mencía, garnacha e xerez. O branco leva godello, dona branca e treixadura.

A maiores, contan con dous crianzas. Un deles leva o nome de Xastre "porque veño dunha familia de xastres, meu pais, meu avó...", comenta Breogán. Está feito con mencía, xerez, garnacha e brancellao.

O outro crianza é cen por cen caíño longo e chámase Lagar do Breo. Os dous crianzas pasan un ano en barrica de carballo francés e outro ano en botella e nos dous casos se segue o procedemento de maceración carbónica. Se a Breogán lle piden que escolla un deles, a reposta é rápida. "Son todos moi especiais, anque está claro que os crianza teñen moito traballo, hai que estar pendente todos os días", engade.

A produción total da adega Terra Brava está entre as 10.000 e as 12.000 botellas ao ano e Breogán non ten pretensións de aumentala. "A miña filosofía de traballo é a de coidar ao máximo o viñedo, mimar a parcela e traballar de xeito natural", insiste.

Terra Brava usa ovellas para manter limpo o terreo e prescinde de produtos químicos. Os poucos tratamentos que dá limítanse ao xofre e o cobre. "Este ano demos dúas mans", insiste. "O que buscamos é facer bo viño e cremos que a parcela é coma as personas, canto mellor sexa a súa alimentación, mellor será o rendemento do solo", insiste.

De cara ao futuro está probando formas de aplicar o xofre en parapente, do que é un gran afeccionado, e tamén lle gustaría que houbese máis unión entre os viticultores. "Por exemplo, cando xorde un brote de mildiu ideal sería que se dera a voz de alarma e que traballaramos máis en conxunto á hora de atacar os fungos", explica este viticultor.

Din os críticos como Luis Paadín que os viños de Terra Brava destacan pola súa "rusticidade", que son "auténticos", coma aqueles primeiros viños de calidade que se fixeron na Ribeira Sacra e que forons pioneiros en sorprender ao mundo. 

REINVENTARSE. Ata a pandemia, os viños de Terra Brava vendíanse en mercados moi distintos coma o de Estados Unidos ou Holanda, pero os aranceis e unha chea de cambios que viñeron co covid e se quedaron, semella que para sempre, obrigaron a esta adega a cambiar a súa estratexia comercial.

"Abrimos unha tenda online e puxemos en marcha un proxecto enolóxico. Preparamos a viña para acoller visitas. Os que se acheguen poden facer un percorrido entre as muras, coñecer as variedades coas que traballamos, gozar das vistas e rematar cunha degustación de produtos da zona, alí na propia parcela vendemos os nosos viños", engade Breogán.

A adega Terra Brava tamén ten na parcela un bambán ou randeeira (columpio) dende o que sacar fermosas instantáneas e gozar do río Sil. Púxose en marcha no ano 2020 e xa pasaron por alí máis de 3.200 persoas.