A vida recreada nos compadres de Insua

Veciños de Taboada estrean unha nova actividade de Entroido que representa con bonecos feitos a man os habitantes, eventos e costumes

Hai dous anos que Samuel Díaz e a súa dona decidiron, axudados por varios veciños, instaurar unha nova tradición de Entroido na parroquia taboadesa de Insua. Alí dispoñen dos seus particulares compadres, unhas figuras máis típicas da contorna de Monforte que da comarca de Chantada que nesta zona do concello de Taboada teñen un sentido máis local. 

Unha das cantinas da parroquia, nunha marquesiña. AVC VILAR FRIAMONDE MOURULLEOs compadres de Monforte e as vilas dos arredores adoitan recrear de xeito humorístico escenas de actualidade protagonizadas por personaxes masculinos que satirizan figuras e acontecementos que son reais. As comadres fan o mesmo coas mulleres unha semana despois. Os de Insua representan pola súa banda os propios habitantes, os seus costumes e os eventos e noticias máis significativos acontecidos na parroquia. 

"A idea é amosar a xente das aldeas que foi noticia durante o último ano", resume Samuel, que pon coma exemplo os compadres dunha muller chegada hai só dous anos a Insua e que, ao pouco de instalarse na parroquia, tivo un fillo. "Fixemos uns bonecos que amosan a nai, o neno e o cura facendo o bautizo e colocámolos no exterior dunha vivenda deshabitada", di Samuel Díaz. 

Outras escenas. Algunhas das imaxes que deixan estes compadres son ben curiosas. Os creadores dos bonecos aproveitan calquera recurso para construír as súas representacións. Un exemplo son as marquesiñas empregadas noutros tempos para agardar polo transporte público. No interior dunha delas recreouse un día nunha das cantinas da parroquia. 

Catro figuras permanecen sentadas á mesa con cuncas de viño e, non podía ser doutro xeito, coa máscara anticontaxios posta. Por riba deles ata locen algúns xamóns e chourizos. 

O traballo co gando está tamén presente nesta nova celebración do Entroido que trata de facerse un oco na Ribeira Sacra. Os veciños representaron os traballadores e os animais agardando pola vacinación ou a inseminación. 

O caldo de ósos (prato típico de Taboada no Entroido) non podía faltar tampouco nunha actividade realizada neste concello. Cada residente pode atoparse en calquera recuncho da parroquia gozando dun paseo ou descansando ao pé dunha árbore despois de tornar a auga. Toda actividade cotiá que se desenvolva nos distintos núcleos de poboación da contorna semella ter sitio nuns compadres e comadres con moito arraigo. 

"A idea é recuperar as vellas tradicións dando protagonismo á xente das aldeas", conclúe Samuel Díaz, contento co éxito que tiveron os bonecos entre o público. As figuras, feitas con palla, cartón ou pedra, chamaron moito a atención tamén nas redes sociais. Pola parroquia seguen esparcidas, dando cor e espírito de Entroido nunha época moi complicada. 

O Oso de Salcedo. AV OSO DE SALCEDO

O oso de Salcedo fixo a súa saída máis solitaria co desexo de volver tinguir a xente de negro no 2022 
O oso de Salcedo fixo unha pequena e solitaria saída para lembrar que a primavera xa está próxima. Nesta parroquia da Pobra do Brollón celébrase un dos eventos máis característicos e concorridos da Ribeira Sacra. Este ano, a pandemia impediu ao animal divertirse tinguindo a xente de negro. O seu desexo é gozar no 2022 dunha ración dobre.


 

Comentarios