Un veciño do Courel: "Ardeume a casa en 2019 e non ía permitir que volvese ocorrer"

Víctor Álvarez é un dos voluntarios que traballaron arreo contra o lume no Courel. Unha imaxe do rapaz tomada por Piro está dando a volta ás redes sociais.
Víctor Álvarez, durante os labores de extinción. PIRO
photo_camera Víctor Álvarez, durante os labores de extinción. PIRO

Perdeu a conta das horas que leva loitando contra o lume. A imaxe de Víctor Álvarez, de 21 anos, durante as tarefas de extinción do gran incendio do Courel está dando a volta ás redes sociais. Foi un dos máis de 20 veciños que defenderon Folgoso das lapas que ameazaban o núcleo pola parte alta, na zona de monte que coñecen como O Coto.

Un incendio doméstico levou por diante a casa da súa familia en Folgoso a finais do ano 2019. E se algo tiña claro Víctor é que "desta volta non ía permitir que me ardese a casa, nin a min nin a ningún veciño". Ese tráxico suceso, conta, "motivoume e tíveno moi presente estes días".

Iso a pesar dos atrancos aos que tiveron que facer fronte. Primeiro, o luns, foi desaloxado de Folgoso: "botounos a Garda Civil e fun a Revide, en Quiroga, á casa duns familiares, só puiden durmir dúas horas e á mañá seguinte puxen a funda e volvín subir", conta.

Despois, mancouse nun ollo e ese é o motivo polo que leva un parche na imaxe que lle tomou o fotógrafo monfortino Piro. "Mira que me preguntaron por iso", ri Víctor ao lembralo. Explica que "foi na noite do luns ao domingo, que estaba vixiando que o lume non pasase a Folgoso e fixen un corte no ollo ao caer contra unha uz. Estoulle botando gotas, pero non é grave". Foron moitos os que lle dixeron que marchase para a casa, pero el negouse.

Voluntarios 

Unha vintena de veciños defenderon Folgoso das lapas. Víctor explica que tiñan dous plans. O primeiro era un tendido con mangueira, pero non deu o resultado agardado, polo que pasaron ao segundo, que consistía en "facer un contralume dende unha pista e ese saíu moi ben, de dez", di.

Aquí chegou outro dos atrancos. Conta que o buldocer non podía avanzar máis pola pista dende a que trataban de atallar o lume e quedaban 300 metros de monte sen rozas. El mesmo baixou a casa a por unha desbrozadora para abrir unha senda. "Tremíanme as pernas, xa non podía máis", lembra Víctor, que conta que os veciños e unha motobomba eran os únicos que traballaban no lugar.

Víctor comezará a traballar o sábado nunha brigada de incendios municipal. Ten recente o curso de preparación e seis meses de experiencia neste traballo, aínda que recoñece que o feito de perder a casa hai case tres anos acabou sendo determinante para sacar forzas de onde xa non quedaban.

Insiste en que os voluntarios salvaron Folgoso e moitos outros núcleos do lume, pero tamén dá conta "da falta de organización no operativo". Estaban coordinados por un veciño que "controla máis que ningúen" nisto da extinción e que estaba traballando "tras queimar os ollos", di Víctor.

"Todo negro"

A imaxe que queda na serra é desoladora. "Onte cando se fixo día moita xente rompeu a chorar cando viu que estaba todo negro", lamenta o rapaz, que, con todo, salienta a unión dos veciños neste duro momento. "Algúns lévanse mal entre eles, como en todas partes, pero deixamos as diferenzas de lado para colaborar xuntos e parar o lume".

A imaxe de Víctor converteuse nun símbolo da loita, moitas veces en solitario, dos veciños do Courel contra este inferno que xa levou por diante máis de 10.000 hectáreas. Piro tomouna cando o rapaz lle daba indicacións a unha brigada helitransportada que acabara de aterrar, "porque coñecer o monte é clave para isto".

Recibiu e agradece os centos de comentarios e mensaxes destes días. "Agradezo todo o cariño e respaldo da xente da comarca", sinala Víctor, que, malia todo, segue preocupado polo avance do lume, que aínda non está controlado. "Folgoso salvouse por nós", remata.

Comentarios