Os veciños levan anos alertando do perigo: "Non vén a conto un piñeiral aí"

Dende a Campa da Lucenza ata Ferreirós esténdese un dos grandes piñeirais do Courel, unha bomba a carón dun templo

Orlando Álvarez. EP
photo_camera Orlando Álvarez. EP

A imaxe é dantesca: os medios de extinción de incendios que levan días nas proximidades da Devesa da Rogueira loitaban este xoves, non directamente contra o lume, senón contra o piñeiral que raia con esta xoia dos bosques galegos. Varios veciños e voluntarios falaban de pequenos contralumes, queimas controladas do propio piñeiral, de maneira preventiva. Outros aseguraban que só foron os buldócer os que loitaron contra a plantación. A rexedora afirmaba temer que o lume se achegase ao piñeiral, e o panorama que iso podería debuxar de novo.

Si, as plantacións desta especie pirófita non só están —estaban—, na zona sur da serra, agora arrasada, senón que dende a Campa da Lucenza ata Ferreirós esténdese un dos grandes piñeirais do Courel. A súa magnitude e as temperaturas que podería provocar a súa combustión facían saltar todas as alarmas ante a posibilidade de que o escenario do Courel baixo se repetise aquí con outro megaincendio. Que ardese a devesa; que volvesen perigar as aldeas próximas de Moreda, Parada ou A Seara; que sucedese, de novo, o incomprensible.

Porén, o incomprensible xa sucedeu hai moitos anos. Se a imaxe é dantesca non o é polos medios empregados, polos esforzos dos brigadistas, dos voluntarios e dos servizos de extinción, máis afanados nesta zona, coma ben prevían os veciños, que entendían que "sería inadmisible que ardese a Rogueira", a pesar de ter quedado unha aldea sen rostro. Se é dantesca é porque, durante anos, foron varias as voces que alertaron do perigo desta plantación, desa bomba a carón dun templo.

CRÍTICAS. Orlando Álvarez, fundador da asociación ecoloxista SOS Courel, avisou xa a finais dos 90 sobre os riscos de plantar piñeiros neste lugar, no que agora os buldócer removen as raíces destas árbores que caen cando xa non xa non hai maneira de desoír as advertencias.

"No Courel, a uz medra baixo o piñeiro, e xúntanse así dúas especies inflamables. Non vén a conto un piñeiral aí"

Que fan aí? Pregúntase, el e tanta xente. Aí, a carón da Campa da Lucenza, onde este xoves arderon as árbores que rodeaban as augas que gardan a memoria dos glaciares. Aí, a carón dun tecido de centos e centos de especies de flora e fauna enleadas nun dos lugares máis biodiversos de Europa.

O piñeiral esténdese aí, a carón de espazos que deberan estar protexidos por ser vida e memoria común. E aínda estando aí, Orlando comenta que moitas veces estas plantacións nin se manteñen, nin se limpan. "No Courel, a uz é capaz de seguir medrando baixo os piñeiros. Se o piñeiral non se limpa, xúntanse dúas especies altamente inflamables", comenta quen toda a vida se dedicou a abrir camiños e a coidar dos soutos, e que estes días non parou un segundo de loitar contra o lume.

HISTORIA. A relación conflitiva da serra con esta plantación forestal vén de lonxe. Orlando comenta que foi o plan de reforestación impulsado no franquismo en montes ata ese momento mancomunados polos veciños un dos grandes detonantes da emigración colectiva de Hórreos. "Nesa aldea restrinxiuse espazo para o pastoreo, que era o medio de vida dos veciños. Sumáronse outras causas, pero iso imposibilitou seguir coa vida tal e como a coñecían", indica. Tamén hai casos na serra de resistencia a esa política, coma a dos veciños de Paderne, que se negaron a que os piñeiros substituísen a devesa. A xestión dos montes mancomunados volveu a mans dos veciños na democracia, pero "a Xunta sempre promoveu o piñeiro".

Nestes días tan duros, Orlando recoñece que nunca viu lume tan virulento. Porén, alerta de non facer disto "un fenómeno paranormal, pois trátase do lume de sempre sumado ás altas temperaturas, ao cambio climático, ás especies pirófitas", indica. E todo iso el xa o vía de lonxe, dende algún dos cumes da serra aos que estes días sube para ver como está a situación. Fai falla subir alí, para ver o que pasou en Australia, en California, no Amazonas, ou en Zamora?

Logo dunhas horas tensas, os medios reforzáronse. O día vaise co incendio controlado, despois dese pulso que non tería que darse, que hoxe se bateu aquí pero é ben elocuente dun modelo forestal e as súas fallas. E, unha vez máis, ouvimos a Novoneyra exclamar "Eiquí sempre foi bosque!". A liña dese poema dun só verso semella apuntarnos o camiño e pasa por nós coma un misto para prender a lucidez. Levémolo coma un facho. Se pechamos os ollos ao bosque, que sexa só para non molestalo mentres dorme.

Comentarios