Unha de medo, lobos e rabia

A comarca de Chantada vivu a finais do século XIX uns terribles episodios no que 40 persoas foron mordidas por estes animais e 15 morreron por mor da enfermidade que lles contaxiaron

JONGOI
photo_camera JONGOI

NON É unha película de terror, aínda que o pareza. Tampouco unha novela ambientada en Transilvania nin un conto para que os nenos non durman. A historia das mandas de lobos rabiosos percorrendo a comarca de Chantada e atacando veciños foi tan real coma o paso do río Asma polo casco urbano da vila. Aconteceu no ano 1880, fixo correr mares de tinta na prensa da época, sementou o medo polas aldeas e ata mereceu un episodio do célebre programa de televisión Cuarto milenio.

Segundo a documentación aportada polo investigador local Alfredo Pardo, aquel escuro capítulo da historia de Chantada rematou con 40 persoas atacadas e 15 mortos por mor do virus da rabia. «Todo é terror», escribíase nalgúns dos textos citados por Pardo e que se publicaron naqueles tempos nos que os bares e establecementos pechaban antes da caída do día por medo a atoparse cos animais.

O medo era tal que se evitaba sacar o gando a pacer, comer carne de vaca ou beber leite de calquera tipo e a xente ía armada a todas horas cando tocaba saír dos fogares. Moitos pechábanse na casa só ante os rumores de que algún lobo merodeaba polos arredores e o Concello do Saviñao chegou a pechar a ponte de Belesar, que une este municipio con Chantada, para evitar o paso das feras.

Algúns sucesos dos que hai constancia son moi escabrosos. Os lobos vagaban pola comarca e atacaban de xeito feroz a quen tiña a mala sorte de aparecer no seu percorrido.

Foi o caso dun mozo de 22 anos da parroquia de Nogueira ou o dunha nena que camiñaba coa súa nai en dirección ao lugar de Cambillán. As crónicas recuperadas por Pardo debuxan unha escena terrible na que a fera bótase enriba da pequena, mordéndoa e infectándoa coa terrible enfermidade mentres a súa proxenitora pide unha axuda que non chega. A pobre cativa tardou un mes en morrer.

O terror invadiu Chantada e a súa comarca durante cinco meses, o tempo que tardou en darse por extinguida a praga. Ata entón, as pasaxes estremecedoras e recollidas por Alfredo Pardo foron moi numerosas. Na parroquia de Vilaúxe houbo dous finados. Un deles, labrego de profesión, regresaba do enterro do outro cando se atopou cara a cara cun dos animais. A escopeta que levaba fallou e o seu nome pasou a engordar a funesta lista de vítimas mortais.

Aínda que de todas as mortes das que Pardo ten constancia, pode que a máis sanguenta fora a dun arrendador a quen un lobo atacou na mesma porta do seu domicilio en Santa Uxía de Asma. Arrincoulle un ollo e esnaquizoulle a cara. Máis tarde, un fillo e unha sobriña do home correron a mesma desgrazada sorte.

Os ataques comezaron en agosto, pero a primeira batida fíxose en setembro e nela participaron 7.000 homas da comarca

Era agosto, pero a primeira batida para acabar cos lobos rabiosos non se produciu ata setembro, por orde do gobernador civil de Lugo. Un total de 7.000 homes de 18 a 60 anos de idade dos distritos de Chantada, Taboada, Carballedo e Rodeiro botáronse ao monte armados ata os dentes co ánimo de facerlles fronte ás feras.

O corpo a corpo e mirarlle aos ollos á morte foi a iniciativa máis destacada, pero non a única. Por aquel tempo, sempre a partir dos estudos de Pardo, era frecuente que os veciños sacrificaran cans ou usaran coma cebo gando morto envelenado para acabar cos lobos e evitar que se propagara a rabia, que provocaba auténticos dramas entre os habitantes da zona.

Pardo cita casos horrendos de persoas infectadas polo virus que batían coa cabeza contra as paredes do lugar onde permanecían pechados despois de desatarse ou de enfermos que espertaban coa roupa de cama esnaquizada polos seus propios mordiscos. Moitas das vítimas suplicaban que lles desen morte para deixar de sufrir.

SIMBOLISMO. Se hai un animal moi presente na literatura universal ese é o lobo. Case sempre é un elemento negativo, habitualmente relacionado co vampirismo ou a licantropía. A cultura popular situouno nun claro rol de vilán.

En Chantada, a súa figura é especialmente relevante. No propio escudo municipal aparecen tres lobos, o cal indica a importante presenza deste cánido nos arredores da vila no pasado.

A finais do século XIX, o papel do lobo coma malo do conto, de ser ao que temer, tivo máis potencia ca nunca en Chantada. Foi un relato de Samaín (Halloween, se o prefiren) en plena Ribeira Sacra.

Comentarios