O último axustizado en Chantada

Ao zamorano José Calvo, de 27 anos, aplicóuselle a pena capital nun patíbulo con garrote vil en Chantada, sendo o derradeiro executado en Galicia no século XIX. Ao acontecemento asistiron máis de 8.000 persoas e antes da sua morte o reo mostrouse arrepentido de ter queimado e roubado a un veciño de Taboada

GARROTE VIL PENA MORTE
photo_camera Gravado do século XIX dun condenado á morte por garrote vil. AP

Na noite do 5 ao 6 de xaneiro de 1857, unha cuadrilla de cinco malfeitores agrediron a casa de Manuel Porto en San Xoán de Bouzoa (Taboada). Sorprendidos nos seus leitos todos os individuos da familia, foron maltratados de mil maneiras, ensañándose os criminais co sesaxenario Porto ata o extremo de sentalo espido nun caldeiro arroibado ao lume, porque se resistía a entregarlles as grandes sumas que lle esixían. Ao romper o día deixárono cheo de queimaduras e outras lesións, que ocasionaron a súa morte o 19 do mesmo mes, roubándolle máis de 800 reais en diñeiro e roupa.

Inmediatamente instruíronse as primeiras dilixencias onde interveu a Garda Civil do posto de Meixonfrío que logrou descubrilos en Lalín. As investigacións falan dun primeiro acusado chamado Manuel Castro, que morreu durante a tramitación da causa, e de como a través das pegadas que deixaron na neve e outras indagacións, colleron á cuadrilla aínda con parte do diñeiro e as roupas subtraídas da casa de Porto. Os presuntos reos foron postos a disposición do xulgado de Chantada, impoñéndolles a pena de morte a José Calvo, José Barrio, Jacobo Salgado e Anxo Porto, "considerándoos confeso o primeiro e plenamente convictos os catro de autores de roubo con escalamento, violencia e intimidación graves que causaron a morte de Manuel Porto".

Remitido este fallo en consulta ao Tribunal Superior, a Sala Primeira por sentenza de vista pronunciada no 6 de febreiro de 1860, impuxo a pena de morte únicamente a José Calvo e a de cadea perpetua ao resto, ordenando que presenciasen a execución "coa accesoria de argolla posta ao pescozo, colocados sobre o cadalso e asidos cada un ao seu madeiro", ditaminou sentenza de revista pronunciada pola Sala Segunda da Audiencia da Coruña. En Chantada pronto empezaron os rumores do edicto que causou a executoria e que pronto chegaría á vila o Executor de Xustiza.

PREPARATIVOS. O 21 de xuño chegaron ao pobo dúas compañías do provincial de Monterrei que avituallaban a Ourense. O día 22 chegou o Brigadier Gobernador militar da mesma cidade e na mañá do día 23 "entraron os mencionados tres reos co alguacil da Audiencia, portador da Real provisión e o Executor de Xustiza, escoltados por unha sección de cabalería e, dúas horas despois, uns setenta e tantos homes do rexemento de Conca". Desde o Concello de Chantada o alcalde José Miranda recibe dous comunicados do xuíz para que rápidamente "prepare o aloxamento para o executor e carpinteiros cos materiais necesarios para facer que levanten o patíbulo en que ha de sufrir a pena de morte José Calvo e levar ao reo á capela", contestando o rexedor que xa estaba todo disposto.

Por outra banda o xuíz ordena ao alcalde que teña disposto "catro pollinos ou cabalerías para conducir os reos ao patíbulo", confirmando José Miranda que estarán dispostos á hora conveniente. En canto á petición de que busque un pregoeiro, desde o Concello repróchalle "que non está na miña atribución facilitarllo porque ningún hai no pobo e non ten autoridade para impoñer a ningún veciño semellante causa".

Ás doce notificóuselle a Calvo a súa sentenza e o auto do xuíz e estando co penado os curas párrocos da vila e de San Cristovo de Fornas, exerceron sobre el un "poderosísimo influxo as exhortaciones, á media hora José Calvo era outro home; no seu aspecto retratábase a resignación do cristián arrepentido das súas culpas".

EXECUCIÓN. O día 24, despois de confesarse e comulgar, indicou que quería facer testamento para encargar á súa muller que "educase cristianamente a dúas tenras criaturas que deixa, lembrándolles o fin funesto a que o vicio conducira ao seu pai, para rogarlle que pedise no seu nome perdón aos que tanto ofendese no curto período da súa vida, e para declarar en descargo da súa conciencia que Anxo Porto, un dos que había de presenciar a execución coa argolla posta ao pescozo, estaba do todo inocente".

Ás 11 da mañá saía da capela con roupa negra o condenado de 27 anos de idade, casado, natural de Zamora e veciño de Santa María de Vilela (Rodeiro). Pediu encarecidamente "que lle deixasen facer penitencia permitíndolle andar a pé e descalzo os mil pasos que lle separaban do cadalso, e convencido de que non podía accederse á súa petición, montou no pollino que lle estaba disposto co auxilio do seu confesor, o citado párroco de San Cristovo de Fornas, conservando durante a carreira, no medio do seu visible arrepentimento, un valor tal que nin a máis pequena alteración se notou no seu pulso, segundo puido observalo o médico do pobo Manuel Cedrón".

Con paso firme subiu as escaleiras do tablado, "despediuse dos outros reos que estaban sentados coas argollas postas no pescozo, e de pé con voz sonora pediu perdón a todos os concorrentes e que rogasen a Deus e a Santísima Virxe pola súa alma".

Aos poucos instantes a fatal máquina aplicou a pena capital ás 12 da mañá e puxo termo á súa vida, os colocados nas argollas baixaron do suplicio e foron conducidos ao cárcere, dispersándose silenciosos e consternados os oito ou 10.000 espectadores que cubrían as inmediacións. O rexedor escribe ao cura párroco: "Sírvase vostede dar sepultura eclesiástica ao cadáver de José Calvo, que sufriu a pena de morte en garrote".

As crónicas deixaron constancia da consternación de tan lamentable espectáculo: "Que descanse en paz a alma do axustizado! Que a súa morte sexa a última que o interese social demande os Tribunais! Que respectándose a verdade legal da cousa xulgada se atenúen os efectos da falibilidade dos xuízos humanos, aplicando a Anxo Porto a graza de indulto, se algo valen no seu favor as declaracións feitas nos últimos instantes da súa vida polo que tan visiblemente se mostrou arrepentido!".

Comentarios