sábado. 19.06.2021 |
El tiempo
sábado. 19.06.2021
El tiempo

O turismo ficha barqueiros

Un barqueiro, nunha das barcas de paso do río Miño recuperadas para o uso dos turistas na Ribeira Sacra. EP
Un barqueiro, nunha das barcas de paso do río Miño recuperadas para o uso dos turistas na Ribeira Sacra.
No Miño había antigamente 22 barcas de paso que servían para transportar dunha parte a outra do río. Moitas empresas turísticas están a recuperar estas históricas embarcacións

Hai moitos anos que os coches atravesando estradas (algunhas delas non tan ben asfaltadas) e pontes substituíron as antigas barcas de paso que servían para conectar as distintas poboacións bañadas polo río Miño. Había 22 destes taxis con remos entre Santa Isabel (Outeiro de Rei) e Os Peares. Os barqueiros encargábanse de transportar a xente dun sitio a outro. Eran autónomos que precisaban dun permiso para explotar o cruce e tiñan que respectar unha serie de normativas.

Esa figura foi esmorecendo co avance do tempo, aínda que permanece na memoria popular. Segue moi vencellada á Ribeira Sacra, comarca que viu traballar os barqueiros en San Facundo, Portomeñe, Mourulle, Pincelo, Porto, Belesar, A Sariña, Barciela, Sernande, Chouzán e Os Peares. Un sector tan en auxe coma o turismo empeza a pensar neles coma un recurso máis para ofrecerlle aos visitantes.

Fernando Ibarra é un carpinteiro de Chantada especialista en restaurar e mesmo fabricar as barcas tradicionais do Miño. Conta que nos últimos tempos son moitas as peticións de empresas privadas adicadas ao sector turístico que desexan contar coa súa propia barca de paso para alugala. "Xa me encargaron oito. O cal é un indicativo de que coa pandemia, cada vez máis xente se fixa no rural e ve nel un bo xeito de pasar o día", di o artesán.

Fernando Ibarra, carpinteiro: "Encargáronme xa oito barcas de paso de empresas turísticas, o que indica que cada vez máis xente se fixa no rural"

Unha das embarcacións feitas polas súas mans será a que poña a disposición dos turistas Quinta Sacra, unha compañía que ofrece paseos fluviais dende Portotide, preto de Belesar. A idea da súa propietaria, Luisa Rubines, é alugalas e que os usuarios vaian onde lles apeteza coa opción de ser dirixidos por un barqueiro, coma no pasado. "Son ideais para rutas en parella", indica, aínda que matiza que non a terá dispoñible ata o vindeiro mes de xullo.

Non foi a única que se fixou nas barcas tradicionais do río Miño como elemento para atraer turistas. Segundo conta Fernando Ibarra, o exfutbolista profesional Borja Fernández, que mercou unha adega na zona e adaptouna coma vivenda de uso turístico, tamén demandou unha e a praia fluvial da Cova contará pronto coa súa, entre outros máis negocios, por exemplo Sacra Activa, que miran ao pasado para construír un futuro baseado no turismo sostible.

"Ultimamente estou facendo moitas barcas coma estas, e non só destinadas a Galicia. Encárganme mesmo doutras partes de España coma Sevilla ou Barcelona", asegura Fernando Ibarra.

ASÍ SON. O carpinteiro chantadés traballa coas barcas tradicionais como modelo e trata de imitar o seu deseño. Están feitas de madeira de castiñeiro e reforzadas de pinotea, moi resistente.

Tamén conserva o distintivo dos remos cruzados e varios elementos característicos como a pousa. Coma o seu propio nome indica, nesta especie de andamio que sobresae pousábase a carga dos usuarios das barcas á hora de atravesar o río dun sitio a outro.

Nelas volverán remar os barqueiros do Miño. A construción de pontes e encoros fixéraos desaparecer, pero o turismo pode serlles de axuda para regresar.

O turismo ficha barqueiros
Comentarios