Tres mozas e 200 vacas

Son gandeiras por devoción. Fan o que xa antes fixeron as súas avoas e loitan con cualificación nun sector que aínda as cuestiona.
Arita Rivera, Ana e Pilar López, co seu tractor na explotación láctea familiar
photo_camera Arita Rivera, coas súas fillas Ana e Pilar López. EP

Pilar López traballa desde as sete da mañá ata as dez da noite os 365 días do ano. Di que non pode permitirse o luxo de deixar faena para mañá nin de dicir que está cansa. Non ten xefes, pero si horarios, os que lle marcan as 200 vacas da explotación láctea que xestiona xunto á súa nai en Lampaza (Sober).

Pilar decidiu hai un par de anos coller as rendas da granxa familiar. Desde entón, tivo ocasión de oír de todo. Desde loanzas por ter o valor de adentrarse nun sector que atravesa tempos complicados ata comentarios despectivos que poñían en dúbida a súa capacidade para realizar un traballo que algúns aínda consideran "de homes".

Pero Pilar é unha rapaza de ideas claras e fai falta algo máis ca un comentario machista para facela dubidar. "Sempre me gustou o mundo da gandaría, xa desde pequena axudaba na casa, pero estudei Administrativo e cheguei a facer prácticas. Foi entón cando non me quedou ningunha dúbida de que o meu lugar non está nunha oficina, senón ao aire libre", relata.

A dureza e responsabilidade dos traballos que ten que realizar cada día non lle meten medo. "Non todo o mundo pode dicir que traballa no que lle gusta!", apunta esta muller afortunada.

SAGA DE GANDEIRAS. Tivo boas mestras. A súa nai, Arita Rivera, comparte responsabilidades con ela. E antes foi a súa avoa, Ramona Salgado, quen se ocupou do negocio familiar. Ao lado tamén camiña a súa irmá, Ana López, outra namorada da terra que xa axuda no que pode mentres se forma axeitadamente para unirse en breve ao equipo feminino.

Pilar e Arita ocúpanse de todas as faenas da explotación. "Facemos de todo, canto máis fagas ti menos tes que pagar", explica Pilar cunha visión práctica. Ela encárgase de muxir, de preparar a comida dos animais, de cambialos de lugar, pero tamén de sacar o xurro, de acondicionar as terras co tractor, de preparar a herba para o silo... "Manexo maquinaria e moitas veces ante algún traballo téñenme preguntado se o vou facer eu ou se teño algún home que me axude", comenta entre resignada e orgullosa.

Moléstalle que poñan en dúbida a súa capacidade, pero tamén está satisfeita de demostrar día a día que o traballo ben feito non depende do xénero de quen o realiza, senón da súa cualificación. "Somos persoas, igual ca os homes, e podemos facer calquera traballo. Levarame máis ou menos tempo, pero fágoo. Ademais, non é nada novidoso, xa antes o facían a miña avoa e a miña nai", sentenza con determinación.

O QUE FAGA FALTA. E é que esta moza non perde o tempo en dúbidas. "Manexo o tractor, o mesturador de comida para as vacas, as máquinas de ensilado... e teño o carné de camión e de tráiler". Isto último non o pode dicir calquera, pero Pilar ten un currículum sorprendente. "Gústame conducir vehículos grandes. O meu pai ten unha empresa de transportes e sempre me chamou a atención o seu oficio. Cando podo tamén lle axudo co camión, pero en viaxes curtas que non me obriguen a durmir fóra da casa", afirma tendo sempre presente o compromiso coas súas vacas.

Pilar asegura que "se che gusta o traballo e sabes organizarte, ata tes tempo libre. Se non, tes o dobre de labor e fas menos". Pero vendo a súa axenda custa atopar un minuto de vagar.

AXENDA COMPLETA. Para facer esta reportaxe mantivemos varias conversas. Pilar sempre colle o teléfono con boa disposición. A primeira chamada recibiuna en plena vendima. "Estou vendimando, pero dime, que necesitas?" A conversa podía esperar. Despois souben que entre as terras da familia hai un viñedo, un deses redutos de viticultura heroica que se descolgan polas ladeiras da Ribeira Sacra e que, ademais de dar uvas, poñen en forma a quen os cultiva a golpe de subida e baixada de pendentes.

Ao segundo intento, Pilar colleu o teléfono en plena faena de limpeza, e non precisamente cun plumeiro. "Estou sacando xurro, podemos falar un pouco máis tarde? Se queres facémolo agora, pero vaime resultar difícil escoitar". Por suposto, claro que podiamos aprazar a parola. No terceiro intento xa ela puxo día e hora e falou coa tranquilidade que dá controlar o tema que se trata.

A relaxación coa que traballa esta moza reflictese nos resultados. As súas vacas están tranquilas, séntense ben tratadas e responden dando o leite que Pilar e Arita necesitan.

MÚSICA. Na corte escóitase música. "Iso foi idea da miña irmá, que dixo que axuda a que as vacas se relaxen. Así que eu póñolles a radio para que a música sexa variada e non se aburran".

Pilar, aos seus 29 anos, leva as rendas da explotación familiar, pero sabe valorar os consellos, aínda que veñan de xente menos experimentada como a súa irmá pequena. "Ana ten 21 anos. Criouse coma min neste ambiente e gústalle moito. Tamén quere quedar a traballar na casa, pero antes vaise formar en temas relacionados coa gandaría", comenta sobre a súa estreita colaboradora.

Tanto Pilar coma Ana preocúpanse por estar ao día en canto a formación e novidades no sector. "Fago cursos cada ano, estámonos formando continuamente para mellorar o que se poida", apunta a gandeira.

Para que isto sexa posible é necesario o apoio de toda a familia. "Non podes marchar un día sen máis, é necesario que alguén preparado te cubra. As vacas necesitan coidados especializados. Eu non me vou tranquila se non quedan con xente formada. Preferiblemente, da casa, pero se hai unha emerxencia hai empresas especializadas que poden botar unha man".

A súa nai, Arita Rivera, é o mellor apoio para Pilar. A filla resístese a desvelar quen das dúas manda máis. "Unhas veces cede unha e outras ten que ceder a outra. Temos que entendernos, hai que asociarse para poder sacar o traballo adiante". E polo visto non lles vai mal.

Desde que Pilar se incorporou plenamente á explotación incrementaron o número de vacas. Teñen arredor de 200. Isto permitiulles afrontar un tempo difícil para o sector. A pandemia castigou os gandeiros cun incremento nos custos de produción que non se viu compensado nos prezos de venda do leite. "Sobrevivir así é difícil e pensar en proxectos e innovacións non é fácil nesta situación porque hai moita inestabilidade económica e non se poden asumir riscos", explica Pilar.

Aínda así, as mozas de Lampaza non se renden e van loitar polo seu futuro e o da súa casa, cos pés na terra e a cabeza ben alta, coa seguridade de ter contribuído a dignificar unha profesión imprescindible e a situar a muller na máis alta responsabilidade, sen complexos nin máis límites que os seus desexos.

Recoñecemento do Concello de Sober
Nosoutras
► Pilar, Arita e Ana tiveron un recoñecemento do Concello de Sober a través do proxecto Nosoutras. Esta iniciativa pretende chamar a atención sobre o papel das mulleres soberinas en diversos ámbitos, valorar a achega de cada unha ao seu sector e denunciar os comportamentos machistas que sofren no seu entorno laboral.

► Pilar López lembra que a muller "sempre tivo un papel fundamental" no sector agrogandeiro galego. Elas sempre traballaron arreo nas explotacións familiares, aínda que o seu labor non se vise recompensado por un salario propio ou unha cotización á Seguridade Social. Durante moito tempo a muller traballou á par do home sen obter máis rendemento que o beneficio para a economía familiar.

Proxectos
► Esta familia de gandeiras de Sober non é allea á crise do sector lácteo. Pilar López explica que "se a cousa xa non ía ben, coa pandemia empeorou porque se encareceron moito os custos de produción".

► Esta incertidume impídelle facer plans de futuro. "De momento agárrome ao que teño e quero seguir producindo leite. Poderiamos facer iogur ou queixos, pero non están os tempos nin para experimentos nin para investimentos", explica. As súas ideas deberán esperar por tempos mellores.

Comentarios