"O Trece Roeis transcende máis alá da Ribeira Sacra"

O ano pasado o festival levou máis de 7.500 persoas a Pantón. Este ano proponse repetir cun cartel que inclúe grupos como Reincidentes, Lamatumbá ou SFDK, entre moitos outros.
Miguel García preside a asociación pantonesa que organiza cada ano o Trece Roeis.
photo_camera Miguel García preside a asociación pantonesa que organiza cada ano o Trece Roeis. DP

Miguel García é o presidente da asociación pantonesa que organiza cada ano o Trece Roeis. Anima a acudir a este festival, que se celebrará os días 18 e 19 de agosto, e avanza que organizarán unha batalla de bandas emerxentes en xuño.

Está xa o cartel do Trece Roeis completo?
Aínda non. A semana que vén faremos un segundo avance que espertará moito interese. Si temos listo aproximadamente o 80% do cartel e a xente xa pode facerse unha composición de lugar de como quedará.

Que expectativas teñen de cara a edición deste ano?
Estamos traballando para, polo menos, igualar a do ano pasado, cando viñeron a Pantón entre os dous días de evento máis de 7.500 persoas. Si o mantemos será positivo e penso que podemos facelo, malia que este ano cobraremos entrada, aínda que a un prezo máis baixo en comparación con outros festivais.

O ano pasado foi gratis. Por que decidiron neste cobrar entrada?
En primeiro lugar, porque nos cambiou moito a perspectiva e démonos conta de que a cultura para ser valorada debe ter un custe. Igual que un paga por ir a un partido de calquera deporte ou ao cine, pois débese pagar por un concerto, sempre e cando sexa un prezo accesible para todo o mundo. O ano pasado, aínda que tiñamos moi bo cartel, a algunha xente custoulle valoralo e pensamos que foi polo feito de ser gratis. Por outra banda, o nivel que ten o festival fai que economicamente só sexa viable se cobramos entrada.

A que prezo é posible actualmente acudir ao Trece Roeis?
Estamos no segundo tramo de promoción. Agora mesmo, o abono para os dous días custa 20 euros. Iso é só polos concertos no campo de fútbol do Baliño, en Ferreira. O acceso á zona de acampada e as actuacións pola vila son gratis.

Canta xente fai posible o Trece Roeis?
O núcleo forte do día a día, que toma as decisións, está conformado por unhas 13 personas. En momentos puntuais, durante o festival, pode chegar a haber 20 ou 30. Unha das riquezas é que somos de idades moi diversas, dende os 18 aos 50 anos. Tamén hai variedade de pensamento, o cal fai ás veces todo un pouco complexo, porque é fundamental que nos poñamos de acordo. Gustariame destacar que este ano teremos o apoio da Xunta, a vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Pantón.

Que importancia ten para Pantón un festival coma o Trece Roeis?
É o evento máis grande que se ten feito nesta vila nos últimos 30 ou 50 anos. Diría que a súa relevancia non trascende só en Pantón, senón en toda a Ribeira Sacra e mesmo máis alá. O ano pasado soubemos de xente que se quedou a durmir ata en Sarria. É unha ledicia e unha sorpresa comprobar o impacto económico que o festival ten na contorna. En Pantón hai unha maior sacudida, pero tamén se nota en Monforte, Sober ou O Saviñao.

Perciben o apoio de Pantón?
Agora mesmo, si. Antes notabamos o apoio só de certos sectores. Despois do ano pasado é xeral. A xente viu o que pode xerar o festival, algo distinto, que nos saca do día a día, e está moi volcada. É difícil ir en contra dun evento que trae a unha vila coma esta máis de 7.500 persoas en dous días.

Comentarios