"Traballamos nun proxecto arredor da cultura do viño"

Tamara Castro colleu as rendas da asociación de comerciantes de Taboada hai case tres anos, cando estaba parada ► Dende entón, o coletivo suma xa 75 socios de sectores ben diferentes, polo que "ter a todos contentos" non é tarefa doada.
Tamara Castro. MIGUEL PIÑEIRO (AEP)
photo_camera Tamara Castro. MIGUEL PIÑEIRO (AEP)

A presidenta da Asociación de Comerciantes e Industriais de Taboada (Acimta), Tamara Castro, vai camiño de facer tres anos á fronte deste colectivo, polo que é un bo momento para facer balance, sobre todo agora que o municipio ten a vista posta nunha das súas citas máis importantes: a Festa do Caldo de Ósos.

Que valoración fai do tempo que leva como presidenta?
Estou moi contenta, porque a xente apoia e valora a asociación. É necesario que o tecido empresarial teña forza e, para iso, precisamos estar xuntos. Non é o mesmo que vaia eu en representación da miña panadería, a que o faga como presidenta dun colectivo con moita xente detrás.

De que se encarga a Acimta?
Seguimos traballando non só en organizar actividades, senón en asesorar e informar aos nosos 75 socios. Como cada un de nós ten o seu traballo, contamos cunha persoa a media xornada que actúa como coordinador; está en contacto cos socios e coas entidadas coas que colaboramos. É algo bo, porque tamén xeramos un posto de traballo na vila.

Que actividade destacaría?
Recentemente celebramos o mercado Petiscos de Nadal, con produtos e artesanía da Ribeira Sacra, e volveu ter moi boa acollida, polo que xa estamos pensando en como melloralo.

Teñen algunha idea en mente de cara aos vindeiros meses?
Levamos tempo traballando nun proxecto arredor da cultura do viño que esperamos poder presentar ao longo deste ano. A nosa idea non pasa por crear unha feira, senón un encontro de tres ou catro días que teña por obxectivo poñer en valor o viño que se elabora en Taboada.

En que consistiría ese encontro?
Aínda estamos deseñando a proposta, polo que non temos nada pechado, pero queremos facer charlas, obradoiros, formación... Todo co obxectivo de reivindicar o sector vitícola do noso municipio e animar a que se se poñan en marcha iniciativas empresariais neste sentido e a comercializar os viños dende Taboada.

Hai bodegas entre os 75 socios que compoñen a asociación?
Si, están Enonatur e Instinto Romano. Ademais, incorporouse recentemente Castrofiz, que tamén ten viñedos no municipio.

Que me di da Festa do Caldo de Ósos que se celebrará os días 18 e 19 de febreiro?
É un evento no que sempre se achega moita xente a Taboada e iso nótase. A Acimta colabora co Concello tratando de aportar algunha idea para impulsar a festa. Este ano, por exemplo, renovaranse os stands, haberá ‘food trucks’ e un ‘showcooking’. A ver se logramos que veña aínda máis xente.

Como presidenta da asociación, que lle gustaría ver nun futuro?
O máis importante sería que cada vez máis persoas se animen a crear marcas, produtos e empresas que aporten valor dentro de Taboada. Lembro que no primeiro Petiscos unha rapaza presentou o seu proxecto de artesanía en coiro e para min foi un orgullo ver que o que organizamos serve para darlle visibilidade ás ideas dos veciños e veciñas.

Comentarios