"Todo o mundo debería facer algún voluntariado"

Miguel Lovelle, de Chantada, traballa coma médico residente no servizo de Urxencias do Hula e acaba de volver de Senegal, onde estivo coma voluntario da ONG coruñesa Ecodesarrollo Gaia, nunha vila chamada Yoff-Tonghor

Miguel Lovelle, con algúns nenos pacientes seus en Yoff-Tonghor. EP
photo_camera Miguel Lovelle, con algúns nenos pacientes seus en Yoff-Tonghor. EP

Xa de volta en Galicia despois da segunda aventura coma voluntario en Senegal, Miguel Lovelle amosa agradecemento a moitos dos seus veciños de Chantada e tamén ás farmacias locais, que colaboraron coa causa doando diverso material.

Que tal a súa segunda experiencia en Senegal despois da vivida o ano pasado?
Estou moi contento, porque este ano conseguimos levar máis medicación. Deixamos alí uns 500 quilos, fronte aos 250 ou 300 da primeira vez. Ademais viaxamos nun equipo moito máis amplo, do que formamos parte doce médicos, dous enfermeiros, dous farmacéuticos e un técnico. Vimos a uns 5.000 pacientes.

Cales son as patoloxías que máis atenderon?
Máis ou menos as mesmas que o ano pasado. En nenos tratamos moitas afeccións respiratorias coma catarros, gripes ou asmas, enfermidade da que mesmo atopamos casos que estaban sen diagnosticar. Nos adultos son moi comúns as enfermidades dermatolóxicas, moitas provocadas por fungos. Tamén abordamos hipertensións que estaban sen diagnosticar ou diabetes. Chamounos a atención que nesta ocasión tocáronnos algunhas enfermidades de transmisión sexual en varóns e eu, concretamente, atendín a un paciente con malaria.

Menudo máster.
É unha experiencia moi satisfactoria a nivel profesional, pero sobre todo persoal. Ademais foi moi ben grazas ao equipo que conformamos. Aportámoslle o dobre á comunidade, polo que a xente que atendemos acabou máis agradecida.

Está contento coa recollida de material que fixo en Chantada?
Quero agradecer a toda a xente que colaborou e tamén ás farmacias. O ano que vén, a miña intención é repetir, así que animo a unha colaboración aínda maior. Nesta ocasión conseguimos material escolar abundante, que mandamos ao colexio da illa de Gorée, e puidemos satisfacer moitas demandas de nenos e nais que nos pedían roupa.

Cales son os medicamentos máis demandados nesa vila africana?
Sobre todo analxésicos e antiinflamatorios. Fai moita falta, por exemplo, Paracetamol. Alí sofren dores a miúdo, pero non teñen como tratalas, porque os seus salarios non lles chegan para adquirir medicamentos básicos.

Recomenda a outros sanitarios vivir etapas así?
Unha expedición coma esta aporta moito e o que se amosa a través dos medios de comunicación queda moi curto en comparación co que se vive alí, en contacto coa xente e a súa cultura e recibindo o que che contan mirándote aos ollos. Polo menos unha vez na vida, todo o mundo debería facer algún voluntariado.

Pode describrime Yoff-Tonghor?
É unha vila adicada á pesca onde a maioría vive do que saca do mar e vende na praza. Hai moita vida na rúa e mercados de comida, pero as condicións hixiénicas e sanitarias son precarias e case non hai casas con traída de auga ou suministro de luz.

Comentarios