Armesto: "Se teño apoio seguirei, a falsa modestia está moi sobrevalorada"

Juan Carlos Armesto Quiroga leva 30 anos na corporación de Saviñao, pero só dous como alcalde, e ten a intención de seguir o tempo que lle deixen
armesto
photo_camera Juan Carlos Armesto. EP

Chega á alcaldía tras 28 anos como tenente de alcalde e ten que enfrontarse a unha pandemia.

Foi un tempo atípico, pero esperemos que vaia mellorando. Aí están as vacinas e xa sabemos algo máis do que sabiamos hai ano e medio.

O verán preséntase máis tranquilo que o anterior.

O ano pasado as piscinas tiveron que funcionar con moitas restricións, pero agora non serán tantas, aínda que hai que cumprir unhas normas de seguridade. Tamén poderán funcionar as escolas de verán, para nenos de catro a doce anos, co fin de facilitar a conciliación familiar e laboral. Organizaranse catro grupos cun máximo de 20 nenos cada un, para limitar o risco de contaxio se se dese algún caso de covid-19.

E haberá festas?

Estamos expectantes para ver que pasa. É difícil organizalas coa normativa actual, pero non perdemos a esperanza. Non poderán ser coma sempre e anotarse previamente para ir a unha verbena non vai coa nosa forma de ser. Haberá que buscar o xeito de facer algo máis limitado, tal vez pequenas cousas en distintas rúas. Temos un comité creado na pandemia e haberá que tratar aí este tema para buscar a mellor solución tendo sempre presente o binomio economía-saúde.

Que lle ocupa a cabeza neste momento?

A principal obsesión que teño desde o primeiro minuto como alcalde é cumprir o contrato cos veciños. Presentei un programa electoral e quero cumprilo. Se pode ser en tres anos, mellor que en catro. A política está moi denostada porque os programas non se cumpren. Iso non vai comigo. Hai que facer programas realistas e entendelos coma un contrato. Se somos incapaces de cumprilo é mellor non volver presentarse. Eu teño o meu grapado na parede do despacho e vou poñendo cruces cada vez que se consegue algo. O centro de saúde xa o tachou? Espero que estea en funcionamento dentro dun mes a máis tardar, é cuestión de días.

E que máis X faltan?

Gustaríame que O Saviñao fose un dinamizador turístico para a Ribeira Sacra. Para traballar nese camiño temos previstos varios investimentos. Melloraremos os accesos á praia da Cova; tamén o exterior do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño, cun investimento de 300.000 euros; van avanzadas as obras do albergue de Diomondi e esperamos abrilo antes do verán do 2022, e xa está listo o mirador do Cabo do Mundo I e previstos para contratar os traballos do Cabo do Mundo II.

No seu programa tamén incidía nas infraestruturas. Que hai diso?

Temos rematadas as traídas de auga de Marrube e Vilatán e para agosto estará lista a de Diomondi. E temos un plan para reparar 20 estradas con aglomerado, con 700.000 euros de investimento para este ano. Aproveitaremos o verán para avanzar nisto. 

Nese contrato electoral tamén falaba de servizos.

Un dos retos era organizar un servizo de recollida de plásticos agrícolas nas explotacións para apoiar os gandeiros, coidar o medio ambiente e evitar o feísmo. Está funcionando e recollemos unhas 200 toneladas ao ano. Tamén fixemos un novo parque en Escairón, con pista de skate, e hai un novo circuito tamén para patíns en fase de licitación. No pavillón tamén se están facendo obras para mellorar a fachada, os servizos e instalar chan de parqué.

Tras as treboadas das últimas semanas, como se prevé a colleita de uva?

Era un ano excepcional, con colleita boa e grande. Houbo danos importantes en Rebordaos e en San Vitorio, pero temos nove parroquias produtoras e se non hai máis contratempos aínda pode ser un ano moi bo.

A medio mandato, pensa en presentarse de novo ás eleccións?

A falsa modestia está sobrevalorada. Estou a disposición do partido, pero se conto co seu apoio e co dos veciños gustaríame poder seguir traballando polo servizo público e desenvolver un proxecto máis ambicioso no Saviñao. Pero o futuro é futuro e non dedico nin un minuto a pensar niso nestes momentos.

Un home da casa con experiencia na política interna
Juan Carlos Armesto forma parte da corporación do Saviñao desde o ano 1991. Durante 28 anos, traballou á sombra do anterior alcalde, Joaquín González, ata que no 2019 deu un paso á fronte e encabezou a lista do Partido Popular ás eleccións municipais. Conseguiu revalidar a maioría absoluta que xa viña ostentando o partido e fíxose coas rendas do Concello.

Rodaxe

O de alcalde non é o primeiro cargo político que Juan Carlos Armesto ocupa. Antes xa foi directivo da Fegamp, presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, deputado provincial, voceiro do PP na Deputación ou secretario xeral do partido en Lugo.

Afeccións

Gústalle facer o seu propio viño e desfrutar da vendima coma unha festa entre amigos.

Comentarios