"A tecnoloxía que manexamos en Fontao sitúanos coma un laboratorio referente en España"

Nado no ano 1969, dende mañá pasa a formar parte da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia grazas ao seu traballo no campo da xenómica. É o director técnico de Xenética Fontao, un laboratorio de xenética molecular situado en Lugo
Javier López Viana.AEP
photo_camera Javier López Viana.AEP

O CHANTADÉS Javier López Viana, dende finais da década dos 90 do século pasado director técnico de Xenética Fontao, será dende mañá integrante da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia. Tomará posesión da súa cadeira nun acto que terá lugar no auditorio municipal da súa vila natal e que comezará ás 18.30 horas.

Para os que non temos nin idea. En que consiste a xenómica?

Son técnicas de análise do ADN das distintas especies animais. Este campo avanzou tanto, sobre todo no século XXI, que permite acceder a información xenética moi elevada. Coa xenómica podemos analizar moitos marcadores cunha fiabilidade altísima no momento mesmo de nacer os animais, cando antes había que agardar cinco ou seis anos.

Fálenos do seu traballo en Xenética Fontao.

É un laboratorio de xenética molecular que ten un 80% de participación pública. Nel hai un centro de sementais para inseminacións artificiais, fanse análises de ADN e contamos cun laboratorio de fecundación in vitro. Manexamos a tecnoloxía máis punteira do mercado, que nos permite ser un laboratorio moi singular, de referencia en España, onde é o máis grande. Non hai ningún centro de xenética coma o noso. Comigo traballan profesionais de ámbitos moi diversos. Biólogos, químicos... O 90 ou o 95% do traballo actual facémolo fóra de Galicia, principalmente no resto de España e tamén en Portugal.

Como valora o papel da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, da que vai formar vostede parte a partir de mañá?

É unha boa ferramenta de asesoramento a distintos sectores composta por un abanico de profesionais moi amplo. Eu estou adscrito á área de zootécnica por medio das análises xenómicas. Este tipo de academias son moi comúns. Son organismos sen ningún ánimo lucrativo que abarcan todas as profesións. Estamos aí para ofrecer asesoramento a quen nolo pida, xa sexan administracións públicas, asociacións ou particulares.

Que agarda desa nova etapa que está a piques de comezar coma académico?

Espero aportar os meus coñecementos, adquiridos logo de dúas décadas de traballo. Se cadra está mal que eu o diga, pero teño unha situación moi singular. Hai poucos veterinarios na miña liña. Respecto á academia, valoro moito os expertos que hai nela. É un núcleo moi selecto.

E ademais de contar cunha cadeira nese grupo, vai facer posesión dela en Chantada, a súa vila.

A verdade é que vou encantado á miña terra. Desexo que o acto sir-va tamén para darlle visibilidade á academia. Dala a coñecer nunha vila de tanta tradición gandeira coma Chantada é moi positivo.

E en Chantada vostede foi concelleiro e organizador dun concurso de gando frisón que tivo moito éxito. Que lembra daquela etapa?

Efectivamente desenvolvín esa función pública entre o ano 1996 e o 2003. Concretamente fun responsable da área de gandería e medio ambiente e nesa faceta recordo moi ben o concurso. Tamén fixemos numerosas xornadas técnicas, coma dous congresos internacionais de micoloxía. Viñan expertos de lugares moi importantes de Europa, coma a Universidade de Bolonia, por exemplo.

Como ve o sector na actualidade e como lle afecta á veterinaria a crise da gandería?

É un momento difícil xeneralizado, aínda que o laboratorio non se ve especialmente afectado. Galicia pode sufrir máis ca outras zonas pola falta de transformación da produción.

Que papel xoga a innovación de cara a unha posible mellora?

É primordial. Nós coma centro público 100% autofinanciado (porque existen axudas públicas para a subscrición dos gandeiros, pero non axudas directas) queremos estar á vangarda e vivimos nun mundo globalizado no que calquera pode acceder aos mercados internacionais. Nese contexto, a innovación debe ser bandeira.

Comentarios