Tansolteiros e Chaniel actúan en Pantón polo Xoves de Compadres

Sober tamén celebrou a súa propia versión do Benidorm Fest, coa canción Terra adaptada á tradición vinícola de Amandi

Tansolteiros Chaniel actuaron en San Román, parroquia pantonesa de Paderne, con motivo do Xoves de Compadres, que os veciños aproveitaron para celebrar a súa particular versión do Benidorm Fest, aínda que cuns participantes moi cambiados.

Tansolteiros é un grupo do que forman parte os solteiros do lugar e competían co pequeno Chaniel polos votos dun xurado composto, entre outros, polo alcalde de Pantón, José Luis Álvarez. O público asistente pasouno en grande cunha actuación con menos polémica que a do Benidorm Fest, pero cargada de retranca e humor.

Este foi só un dos moitos actos previstos na Ribeira Sacra para este Xoves de Compadres, unha das celebracións máis destacadas do Entroido na comarca. A tradición manda elaborar figuras masculinas e representar con elas escenas de actualidade dende un punto de vista satírico, mesmo crítico.

En Sober, coma en Pantón, apostaron igualmente polo seu particular Benidorm Fest. O grupo Tanxugueiros adaptou a célebre canción Terra á tradición viticultora da zona de Amandi. Para que se fagan unha idea, a canción comeza coa estrofa "Esta noite hai feira; esta noite hai serán; agárdoche na praza; bodegueiriño leal".

Comentarios