Taboada viviu unha renovada Festa do Caldo de Ósos, o seu prato estrela

Manuel Gago leu o pregón da edición número 32 do evento e amosou predilección por unha receita de lume manso que dá protagonismo aos ósos da soá do porco

A Festa do Caldo de Ósos de Taboada camiñou esta fin de semana pola súa edición número 32, pero foi a primeira organizada polo novo goberno municipal de PSOE e BNG. A administración local apostou por incluír novidades tanto no programa coma no aspecto dun evento que, aínda así, mantén a esencia da devoción polo prato máis típico da vila.

Os ósos da soá do porco son os protagonistas nas cuncas dos veciños que acuden á degustación gratuíta, posible polo traballo e a boa man na cociña da hostalería taboadesa. Tamén nos restaurantes arrecendía a unha receita de lume manso, como lembrou o pregoeiro, Manuel Gago. Garabanzos, patacas, rustrido e sesos axudan a aportar un sabor único.

Os establecementos estiveron ateigados. Poucos quixeron marchar sen probar o caldo de ósos nunha festa que tamén tivo nova imaxe, con stands de madeira para os expositores. Os produtos locais e de proximidade, coma derivados do porco ou viño, luciron no mercado instalado na Praza de Riazón, onde se desenvolveu unha curiosa clase mestra sobre a elaboración tradicional de embutidos, impartida pola quiroguesa Eva María Trincado.

Festa do Caldo de Ósos. M.PIÑEIRO
Festa do Caldo de Ósos. M.PIÑEIRO

O día comezou cun pasarrúas do grupo local Os Rechouchíos. Na casa da cultura, Marcos Eiré dirixiu unha cata maridaxe de viño con caldo de ósos e logo volveu a música coa banda de Chantada, que deu un concerto na Praza de Riazón previo ao pregón.

O xornalista e profesor Manuel Gago, divulgador histórico e científico que ten feito moitos traballos sobre a gastronomía galega, foi o encargado de darlle palabras e voz á festa este ano. Sobre o escenario, e precedido polo alcalde, Roi Rigueira, e o tenente de alcalde, José Portela, lembrou cando descubriu o caldo de ósos, case por casualidade, nunha visita a Taboada que rematou na histórica Casa Descalzo, un negocio dos anos 30 do século pasado pechado hai pouco.

Despois do pregón, Josinho da Teixeira e Lupe Blanco abriron o apetito de caldo de ósos coas súas regueifas, que repetiron pola tarde nunha exhibición.

Máis actos. Pola tarde volveron actuar Os Rechouchíos e houbo un obradoiro de máscaras e cabezudos. Ademais, estaban previstas outra cata maridaxe, con protagonismo para o porco celta, da man de Cristina Vázquez, e unha charla na casa da cultura. Ao peche desta edición agardábase por unha degustación de derivados do porco e os concertos dos grupos Tanto nos Ten e De Ninghures.

Más en Ribeira Sacra
Comentarios