Taboada saboreou o seu prato preferido

O tempo acompañou nunha novidosa edición da Festa do Caldo de Ósos, que incorporou ao seu programa habitual un showcooking
Unha voluntaria sirve o caldo a dous veciños. ELISEO TRIGO
photo_camera Unha voluntaria sirve o caldo a dous veciños. ELISEO TRIGO

O caldo de ósos baixou moi ben este domingo en Taboada, unha vila entregada á exaltación do seu prato máis típico. A edición número 31 da festa contou con importantes novidades no seu programa e o público gozou nunha xornada de boas temperaturas.

Unha das actividades que máis chamou a atención foi o showcooking do cociñeiro Álvaro Villasante, do restaurante lugués Paprica. "Preparamos dúas receitas, unha típica de Taboada, con garavanzos, e outra máis propia da zona de Palas, con fabas. Tamén traemos unhas elaboracións un pouco máis modernas", explicou mentres se preparaba para o comezo do espectáculo. Este renovado formato da Festa do Caldo de Ósos de Taboada incorporou igualmente foodtrucks.

Evento especial

Un dos momentos máis agardados en Taboada sempre é o pregón. Este ano, Francisco Almuíña, veciño da vila moi coñecido por levar o establecemento Casa do Romualdo, encargouse de poñerlle a voz. O presidente da Federación Galega de Turismo (Fegatur) e a asociación profesional Ribeira Sacra Rural destaca tamén por tocar a zanfona, un instrumento que o acompañou durante o pregón. Unha parte deste foi cantado.

Almuíña fixo un alegato pola calma, por vivir a vida amodo e sen présas, como é típico no rural. E deixou unha frase moi aplaudida. "O mellor pregón para o caldo de ósos é comelo", subliñou.

O pregoeiro recibiu de mans do alcalde, Ramiro Moure, unha placa conmemorativa, acto no que tamén estiveron os conselleiros Francisco Conde e Román Rodríguez, a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, ou o delegado da Xunta, Javier Arias, entre outros. Logo, anunciáronse os negocios locais premiados pola súa calidade, variedade, cantidade e presentación dos produtos expostos. O primeiro foi para o supermercado Vilosa, o segundo levárono as galletas Xianas e o terceiro, a panadería Darío.

Da pota á cunca

Os voluntarios de Protección Civil de Taboada fixeron chegar o gran protagonista ata a súa festa. A inmensa cola dicíao todo. Había ganas de probar o caldo de ósos, un prato servido en cuncas de barro que aproveita a soá do porco, que vai acompañada por patacas, garavanzos e sofrito.

Non faltaron a demostración de como se elaboran as fachas de castelo, unha concentración de coches clásicos ou a actuación musical do grupo tradicional Os Rechouchíos.

Nos negocios Parrillada Mencía, Casa do Romualdo, Cafetería Scala, Restaurante Anduriña, Tapería Devezo, Parrillada San Martiño e Restaurante Urdi puido degustarse, por 25 euros, o menú oficial da festa, composto de caldo de ósos (por suposto), costela asada, filloas, queixo e mel.

Comentarios