Taboada prepárase para o regreso da Festa do Caldo de Ósos

O evento acadará as 30 edicións despois de interrumpirse durante un ano (a última foi en febreiro de 2020) pola pandemia

Dous veciños, á cola para degustar caldo de ósos na última edición da festa, celebrada antes da pandemia. MIGUEL PIÑEIRO (AEP)
photo_camera Dous veciños, á cola para degustar caldo de ósos na última edición da festa, celebrada antes da pandemia. MIGUEL PIÑEIRO (AEP)

Comezou a conta atrás para o retorno da Festa do Caldo de Ósos de Taboada. O evento chegará ás 30 edicións o domingo 3 de abril despois dun ano de ausencia por mor da pandemia. A última vez que se celebrou foi, precisamente, en 2020. Tivo lugar en febreiro, a só unhas semanas de que se declarase en España o Estado de Alarma e comezase o confinamento domiciliario.

A principal novidade nesta ocasión é a data. A Festa do Caldo de Ósos adoita coincidir co Entroido, pois o prato protagonista é típico desta época. Para elaboralo aprovéitanse produtos do porco, semanas despois da tempada de matanzas. O Concello, pensando nos datos da pandemia, apostou esta vez por retrasar a celebración da festa ao comezo da primavera.

A Festa do Caldo de Ósos consistirá na exposición e venda de produtos do campo e derivados do porco, coma chourizos, cachola, lacóns, xamóns, dentes ou touciño. Será a partir das 10.00 horas na Praza de Riazón, onde tamén se exhibirán e comercializarán pan artesán, tartas de améndoa, viños da Ribeira Sacra, galletas de Xián, augardente de Taboada, queixos de Arzúa-Ulloa e mel de Galicia.

Todas as persoas que desexen asistir á exposición e venda destes produtos contarán cun posto gratuíto que permanecerá aberto ata as 18.00 horas desa xornada. Hai que comunicar a asistencia a través do número de teléfono 982.46.53.01 ou na casa do Concello de Taboada antes do vindeiro día 29, ás 14.00 horas. Entregaránse os permisos por orde de inscripción.

Na organización da Festa do Caldo de Ósos de Taboada colaboran o Concello, o gremio de hostalería e a asociación de empresarios e comerciantes

MÁIS ACTOS. Os dous mellores expositores terán premio, de 200 euros o primeiro e de 100, o segundo. O xurado poderá establecer dous accésit de 50 euros cada un. Para a concesión valoraráse a calidade, a variedade, a cantidade e a presentación dos produtos expostos.

Ademais, ao longo do día terán lugar diversas actividades. Entre elas, unha exposición de coches antigos e outra sobre a festa das fachas.

Na organización da Festa do Caldo de Ósos de Taboada colaboran o Concello, o gremio de hostalería e a asociación de empresarios e comerciantes.

Comentarios