viernes. 27.05.2022 |
El tiempo
viernes. 27.05.2022
El tiempo

"En Taboada falta man de obra en moitos sectores, hai traballo"

Ramiro Moure. AEP
Ramiro Moure. AEP
Ramiro Moure Ansoar chegou á alcaldía no 2009 e dende entón tivo tres ocasións para comprobar que os taboadeses o valoran nas urnas. Conta que lle gusta traballar por eles e, aínda que é cedo para aseguralo, non pensa ceder o bastón de mando sen dar a batalla nas próximas eleccións

Ramiro Moure asegura que quen chegue ao concello cunha iniciativa emprendedora será ben recibido e atopará respaldo. Confía no potencial natural da terra, pero valora sobre todo a disposición dos veciños a abrir vías de negocio.

Que traerá o ano novo para Taboada?

Acabamos de adxudicar obras na rede viaria municipal por importe de 150.000 euros. Afectarán ao casco urbano e a varias parroquias. Empezarán a executarse cando mellore un pouco o tempo. Para este ano tamén está previsto acondicionar o paseo que vai á Medela, os accesos ao mirador do Cuco e ao club náutico.

Desde que empezou a pandemia Taboada foi noticia varias veces por destacar nas vendas por internet. Viuse que desde o rural tamén se poden facer bos negocios se hai iniciativa.

Si, desde logo. Na venda por internet destacou unha empresa que ao inicio da pandemia tiña stock de máscaras, cando había moita demanda. Despois foi diversificando a oferta e ultimamente volveu ser noticia cando houbo gran demanda de bombonas de cámping.

Polígono industrial: "Está previsto un investimento de 300.000 euros por parte de Xestur para acabar a segunda fase"

Hai moito emprendedor?

Hai varios pequenos negocios en marcha. Por exemplo, un obrador de galletas que teñen moito éxito no mercado. Tamén hai unha explotación gandeira que vende leite fresca e produce xeados. Estes produtos naceron para buscar alternativas aos baixos prezos do leite e xa teñen tres postos de venda de xeados no Camiño de Santiago, concretamente en Portomarín, Palas de Rei e Arzúa.

E hai algunha opción clara de negocio por explotar?

O que hai en Taboada é traballo, aínda que hai xente no paro. Temos un grave problema de falta de man de obra en distintos sectores. Por exemplo, falta persoal de axuda a domicilio, peóns gandeiros... hai que buscalos nos concellos limítrofes porque en Taboada non hai suficiente xente dispoñible para estas tarefas. Sei tamén de empresas de carpintería de madeira ou metálica e de fontanería que necesitan xente cualificada para eses oficios e non atopan. É un problema xeralizado nos concellos pequenos.

Notouse o retorno de xente ao rural impulsado pola pandemia? 

Si. Moita xente retornou durante o tempo de confinamento e de momento non se foi. Fixo falta unha pandemia para darse conta de que o rural é importante. O concello de Taboada está ben situado incluso para quen traballa nas cidades. Estamos a media hora de Lugo e de Ourense, a unha hora da Coruña e a hora e cuarto de Vigo.

A xente busca aire libre e Taboada tamén se converteu en referente para os amantes da escalada.

Notouse moito en todo o interior a chegada de visitantes para facer rutas, para pasar o día, e a escalada é un atractivo. A través da asociación O Carballo, o Concello colabora para acondicionar roteiros e para aproveitar as posibilidades que ofrece a orografía de Taboada para este deporte. Tamén se está habilitando unha zona de escalada no pavillón polideportivo.

Iniciativas: "O club náutico vaise sacar a concurso de novo para abrilo e sabemos que hai xente inetresada para xestionalo"

Os deportes náuticos son outra opción.

Claro que si, pero temos un problema co nivel de auga do encorde Belesar. É unha loita constante coa empresa hidroeléctrica porque non avisa cando o vai baleirar. Dous días antes da última proba de piragüísmo, cando xa estaba a infraestrutura montada, baixaron o caudal sen avisar e houbo que refacelo todo no último momento. É unha pena porque se houbera un nivel de auga aceptable na primavera habería moitas posibilidades de aproveitalo.

E cando reabrirá o club náutico?

Vaise sacar a concurso de novo a súa explotación e sabemos que hai xente interesada. A última empresa que o xestionou fíxoo mal e tivemos que recorrer ao xulgado. En canto teñamos a sentenza adxudicarémolo de novo.

Que lle gustaría deixar feito neste mandato?

Loitei moito polo polígono industrial e por fin logramos desbloquear a adxudicación de parcelas. A cooperativa Aira comprou cinco e xa ten proxectos para ampliar o seu negocio, para montar un taller e mesmo unha gasolineira. Temos oito parcelas máis para adxudicar e está previsto un investimento de 300.000 euros por parte de Xestur para acabar a segunda fase.

Vaise presentar ás próximas eleccións municipais?

Depende, aínda faltan dous anos. Animado estou, pero hai que analizalo con máis profundidade.

Moi persoal: un funcionario afeccionado ás series policiais
Ramiro Moure é alcalde de Taboada desde o ano 2009, cando o anterior rexedor, José Jesús Ramos Ledo, lle cedeu o cargo para ocupar o de xefe territorial de Educación. Desde entón revalidou sucesivas maiorías para o Partido Popular e non descarta optar á reelección nos comicios do 2023.

Mantemento da prisión

Compaxina os labores propios da alcaldía co seu traballo de funcionario de prisións. É o xefe de mantemento do centro penitenciario de Monterroso.

Afeccións

Ramiro Moure di que está "enganchado ás series de televisión policiais e de espionaxe". Aproveita "que coas novas tecnoloxías pódense ver a calquera hora, non coma antes que había que estar diante da televisión cando as emitían", por iso pode compatibilizalas coa súa dobre ocupación.

"En Taboada falta man de obra en moitos sectores, hai traballo"
Comentarios