Suspendido polas malas previsións o Lamañazo Rock

Os alumnos de cuarto de Eso do instituto Lama das Quendas pospoñen o festival, con seis grupos no cartel, para o xoves da vindeira semana, día 15
Un concerto en Chantada con motivo do Castañazo. AEP
photo_camera Un concerto en Chantada con motivo do Castañazo. AEP

As malas previsións meteorolóxicas levaron os alumnos do instituto chantadés Lama das Quendas a tomar a decisión de pospoñer a primeira edición do Lamañazo Rock, que ía celebrarse este xoves a partir das 17.00 horas na carballeira do centro.

Ademais de choiva, todo apunta a unha treboada xusto para o momento no que estaba previsto o inicio dos concertos, polo que se determinou aprazar o evento ata a vindeira semana, en concreto para o xoves día 15.

O cartel do Lamañazo Rock, feito en colaboración con integrantes da asociación que organiza cada ano o festival Castañazo en Chantada, está composto por seis grupos. Son Nôs, Grelimns, Fábrica de Espejos, Pladür, As Searas e Tiam GZ.

O proxecto organizouse en clase de Música. Un dos apartados no curso de cuarto de Eso abarca as profesións vencelladas á música. En vez de explicarlles aos alumnos e alumnas que é un técnico de son, de luces ou un produtor, o profesor, Juan Vázquez, decidiu organizar xunto aos estudantes o seu propìo festival, pero terá que esperar unha semana máis.

Comentarios