Sucédense os baleirados de Belesar, que leva todo o mes por riba do 90%

O encoro máis grande de Galicia acumula agora 607,06 hectómetros cúbicos de auga ► A presa rematou 2022 ao 85% da súa capacidade e en 24 horas ascendeu oito puntos
O encoro de Belesar, este sábado botando auga. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera O encoro de Belesar, este sábado botando auga. MIGUEL PIÑEIRO

A actividade no encoro de Belesar neste comezo de ano está a ser frenética. A inmensa presa —a máis grande de Galicia— sobre o río Miño, situada entre Chantada e O Saviñao, leva todo o mes por riba do 90% da súa capacidade e os baleirados por parte de Naturgy, a empresa explotadora, sucédense.

A última hora do sábado, e segundo os datos da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), o encoro, despois de varios días botando auga, atópase ao 92,81% da súa capacidade. A presa pode acumular un máximo de 654,10 hectómetros cúbicos e nestes momentos hai 607,06.

É unha demostración de que a presa está a rebosar despois de moitas semanas de choiva abundante. Á preocupación polos períodos de seca do pasado verán, que puxeron Belesar baixo mínimos, seguíronlle meses despois precipitacións moi intensas que favorecen unha estampa radicalmente oposta á de hai tan só medio ano.

A presa de Belesar rematou 2022 aproximadamente a un 85% da súa capacidade. Trátase dunha moi boa porcentaxe, motivada polas condicións atmosféricas que marcaron o final de ano.

Dende a madrugada do 31 de decembro ao día 1, o encoro non baixou do 90% da súa capacidade e o pasado 17 chegou ao 93,89%

Chegou a madrugada do 31 de decembro ao 1 de xaneiro e con ela un temporal que mesmo provocou inundacións graves en moitas poboacións galegas, entre elas Chantada. A auga acumulada en Belesar medrou entón ata oito puntos porcentuais, e do 90% xa non baixou no que vai de mes, chegando ao 93,89% (foi cando máis auga tivo) o pasado día 17.

Curiosidade 

A apertura das comportas de Belesar supón un espectáculo que atrae a non pouco público ata as inmediacións da presa para contemplar a saída e descenso da auga. Este mesmo sábado, no que acompañou o bo tempo, moitos coches estacionaron na presa e os seus ocupantes baixaron facer fotos ou simplemente observar a actividade.

O encoro de Belesar foi inaugurado en setembro de 1963. No seu día chegou a empregar un cento de persoas. A progresiva mecanización dos traballos motivou que se reducise case no 100% a man de obra na presa.

Comentarios