Antonio Fernández: "Para sorprender os nenos de hoxe hai que sentar e xogar con eles"

Enxógate é un obradoiro de Quiroga do que saen xogos e xoguetes de madeira autóctona
Antonio Fernández Vicente. EP
photo_camera Antonio Fernández Vicente. EP

Enxógate é un proxecto de vida nacido no 2013 das ansias dun rapaz de Montefurado (Quiroga) que buscaba o xeito de asentarse na súa terra. Desde entón, das mans de Antonio Fernández Vicente saíron centos de xoguetes, cada un único e cunha personalidade definida pola madeira autóctona que lle dá corpo. Crebacabezas, xogos de mesa, equilibrio ou inxenio, xoguetes para arrastrar ou facer voar, autómatas... pezas para todas as idades, bonitas e sorprendentes.

Como decide dedicarse á fabricación de xoguetes unha persoa allea a ese mundo?
Eu non tiña nada que ver co sector da carpintería, pero era afeccionado á escultura en madeira. No ano 2013 decidín profesionalizarme para intentar asentarme en Quiroga, quedar a vivir e traballar no rural. Empecei con xogos de enxeño e despois continuei con autómatas, xogos de mesa e xoguetes para os máis cativos. Tamén teño pezas máis artísticas ou decorativas.

En que se inspira?
Inspírome no que xogaba eu cando era cativo. Fago xoguetes sinxelos, os de sempre, pero doulles unha pequena volta para que sexan diferentes.

Están feitos en madeira e de xeito artesanal. Son todos diferentes?
Si, hai pezas únicas e, en todo caso, fago sempre tiradas pequenas. Traballo só e non teño capacidade para repetir moitas veces o mesmo porque entón só podería facer unha cousa. Ademais, os xoguetes nunca son exactamente iguais, todos teñen algunha diferenza.

"Os xoguetes de madeira atraen moito aos pais, pero teñen que estar dispostos a xogar cos pequenos"

A madeira ten algo que ver nesa singularidade?
A madeira é un produto cálido, ten algo que a fai especial.

Cal emprega?
O que cae nas miñas mans, pero procuro que sexa da comarca. Sobre todo piñeiro e faia.

No mundo das pantallas e da tecnoloxía, como se sorprende a un neno cun xoguete de madeira?
Para sorprender a un neno hai que sentar e xogar con el. De entrada, os xoguetes de madeira atraen moito aos pais, pero teñen que estar dispostos a xogar cos pequenos, a ensinarlles a divertirse con esas pezas. Moitos dos xoguetes que ves na tele xogan sós e o pequeno só pode mirar. Os que eu fago pretenden o contrario. Son participativos e libres. Están destinados a un uso, pero permiten outros moitos. Poño como exemplo un puzzle cuxas pezas se poden colocar no xeito que lles corresponde ou como apilables noutras moitas combinacións.

E que lle din os rapaces?
Sorpréndense moito. Cando vou a mercados de artesanía sempre os convido a que proben os xogos de enxeño e engánchanse. Empezan a darlles voltas ás pezas e pasan o tempo de xeito divertido e agradable.

Nunca tanto tempo houbo para xogar na casa coma nestes últimos meses.
Pasar tempo na casa axuda a iso. A xente está volvendo aos xogos de mesa e a actividades creativas e que requiren o emprego da imaxinación.

"Pasar tempo na casa axuga a recuperar o xogo. A xente está volvendo a actividades máis creativas"

Onde se poden comprar os seus xogos e xoguetes?
O taller téñoo en Quiroga, na Rúa Real 175, pero tamén teño unha páxina web onde amoso o meu traballo (enxogate.es). Non se pode comprar directamente nela, pero si hai datos de contacto para facer consultas, compras ou encargos.

Antes era posible ver como traballaba no obradoiro, pero supoño que coa pandemia xa non se poderán recibir visitas.
Entrar ao obradoiro non se pode, pero a zona de exposición e venda segue aberta ao público. Teño un timbre móbil. Se está na porta é que estou dentro e calquera pode chamar.

Comentarios